A Vicepresidenta Segunda do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, visitou hoxe Mos xunto cos deputados nacionais Javier Bas e Diego Gago, para expoñer a enmenda que presentarán aos orzamentos do Estado para liberalizar a peaxe do tramo de 8 Km Puxeiros-Porriño da AP-9 e así desviar o tráfico da A-55.
Segundo o Concello, esta enmenda nace a raíz da petición da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que esta mañá participaba tamén na rolda de prensa de presentación da mesma xunto cos seus compañeiros concelleiros do equipo de goberno local, Alberto Méndez, Sara Cebreiro e Julia Loureiro, respaldados e contando co apoio dos representantes do empresariado da provincia: Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios (CEP) de Pontevedra, Ramón Alonso, presidente da Asociación Empresarios de Transporte Discrecional de Mercancías de Pontevedra e responsable da Federación Galega de Transporte de Mercancías e vicepresidente de AEMOS, Manuel Castro, presidente de AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos) e Indalecio Cuevas, presidente da Entidade Urbanística de Conservación (EUC) de A Granxa.
No acto celebrado na Praza do Concello, xunto á A-55, expúxose a intención do grupo popular no Congreso dos Deputados de presentar unha enmenda aos orzamentos do Estado para liberalizar a peaxe do tramo de 8 quilómetros da AP-9 entre Puxeiros e Porriño para desviar o tráfico da tan perigosa A-55. Nidia Arévalo destacou que “no caso de Redondela está o exemplo de que si se quere, pódese, coa diferenza de que nese caso as motivacións son económicas e no caso de Mos están vidas en xogo”.
Pola súa banda Ana Pastor declarou que “como saben levamos moito tempo traballando pola competitividade das empresas de Galicia en xeral e de Vigo e comarca en particular, e para elo son fundamentais unhas óptimas vías de comunicación, máis aínda nestes tempos de pandemia”. Incidiu no gran nivel de afección de Mos por parte de distintas e numerosas infraestruturas asegurando que “é un concello que dá moito e recibe pouco”. Recoñeceu “o acerto da alcaldesa ao pedir esta enmenda porque a gratuídade deste tramo é a solución máis inmediata, ao atoparse o proxecto do túnel na A-55 paralizado desde fai máis de dous anos” e asegurou que “imos tentar que esta enmenda sala para adiante e que se lle asigne unha partida cunha consignación orzamentaria específica á liberalización da peaxe nestes 8 quilómetros da AP-9, porque desde logo se hai algún tramo en España que verdadeiramente o necesita, é este”.
Jorge Cebreiros declarou que “as vías de comunicación son fundamentais para a competitividade empresarial e máis en tempos de COVID-19, e os empresarios de Pontevedra non podemos seguir soportando nin os custes da peaxe, nin os puntos negros da autovía máis perigosa de España e a única na que hai que circular a 60 quilómetros por hora” e lamentou “o agravio comparativo entre o noroeste de España e outros lugares do territorio español” e fixo un chamamento a que “todos os deputados do Parlamento galego, independentemente da súa cor política, apoien e respalden esta iniciativa para eliminar o agravio histórico que existe co noso territorio”.
Por último Ramón Alonso concluiu a rolda de prensa incidindo en que “o tramo Vigo-Porriño da A-55 é o de máis sinistralidade e inseguridade viaria de toda España e xa só por iso está xustificada a gratuídade da AP-9”.
Dado que está en vigor o período de enmendas a rexedora local mosense reuniuse o pasado luns cos voceiros da Corporación Municipal mosense para trasladarlles a iniciativa e pedirlles que lles esixan aos seus partidos que fagan o mesmo e que tamén eles inicien trámites de emenda aos orzamentos para a gratuídade deste tramo de peaxe. “O ideal para facer a maior forza posible”, explica Arévalo, “sería que existise unha proposta de emenda de cada partido político e que a cúpula e os deputados de cada un actúen de cara a que se concrete unha partida para liberalización da peaxe”.
Arévalo destacou “a importancia do noso obxectivo de desviar o tráfico da estrada máis perigosa de España, xa que é a liberación da peaxe da AP-9 a solución máis inmediata e máis eficaz a curto prazo para evitar accidentes, atascos, feridos e mortes”. Conseguir a liberalización do traxecto da AP-9 entre Puxeiros e Porriño resulta de máxima prioridade para os veciños de Mos e comarca así como os que acceden a Vigo procedentes da Meseta e Portugal.
O traxecto da A-55 ao seu paso por Mos é un dos tramos máis perigosos do Estado Español o que se reflexa na alta sinistralidade contrastada polos numerosos datos estatísticos que ocasionan numerosos danos materiais e persoais. Co fin de diminuír esta sinistralidade realizouse unha reforma recente e colocáronse radares cunha limitación de velocidade á 60Kms/h nun traxecto de curvas , medidas que se ben evitan en parte o crecemento da sinistralidade provoca numerosas retencións polo elevado tráfico. Estas consecuencias afectan a todos os/as cidadáns, pero especialmente aos habitantes do Sur da Provincia de Pontevedra por ser os maiores usuarios de esta vía.
Con trazado paralelo e próximo a esta estrada existe a Autopista AP-9 pola que circula escaso tráfico debido ao peaxe nela instaurado. Esta Autopista entre Coruña e Tui, ten accesos de conexión coa A-55 tanto no Alto de Puxeiros como en Porriño, cun percorrido de 8 Km que enlaza coas autovías cara Tui, Ourense e Vigo. Se este traxecto fose liberado da peaxe diminuiría de forma significativa a densidade do tráfico no traxecto referido da A-55; e polo tanto minguarían os problemas mencionados. Por outro lado é evidente que o coste de liberalización destes poucos quilómetros da peaxe ten un coste asumible pola Administración Pública responsable.
Aínda que o Ministerio de Fomento ten proxectado un túnel que permita reducir drasticamente o tráfico no traxecto referido da A-55, este proxecto está nunha fase inicial non resolve o problema a curto-medio prazo. Numerosos acordos Plenarios do Concello de Mos, así como outras organizacións sociais tales como Sindicatos e AEMOS teñen reclamado a liberalización de este traxecto sen resultado ata o de agora.
“Resulta incomprensible e alarmante que non se teña resolto este problema nos orzamentos do Estado de 2021, cando existe unha partida específica para reducir custes na AP-9, e que non se contemple unha solución específica para desviar o tráfico da A-55, o que indica unha falta de compromiso cos cidadáns do sur da provincia de Pontevedra por parte da Administración”, concluíu a alcaldesa.