Redacción 24/07/2020

O distintivo que outorga o Instituto de Calidade Turística está a ser tramitado para a contorna do Pazo de Mos e o Albergue de Santa Baia, e os trámites son financiados pola Xunta de Galicia.

 

A concelleira de Cultura e Turismo de Mos, Sara Cebreiro, a vicepresidenta da Asociación de Veciños Santa Baia de Mos, Vanessa Ferreira, e os presidentes da Fundación Pazo de Mos e da Comunidade de Montes de Mos, Antonio Rial e Manuel Barciela, respectivamente, reuníronse na contorna do Pazo de Mos cunha representante da empresa encargada de certificar a distinción de “Q de Calidade” que se está a tramitar para o Albergue de Santa Baia e para que a zona do Pazo sexa catalogada como Espazo Publico Singular. 

Concello de Mos, AVV Santa Baia, Comunidade de Montes de Mos e Fundación Pazo de Mos están a traballar conxuntamente para conseguir a “Q de Calidade”, un distintivo que outorga o Instituto de Calidade Turística e que está a ser tramitado, con financiación autonómica, para a contorna do Pazo de Mos e o Albergue de Santa Baia. 

As certificacións en sistemas de calidade como a “Q”, son implantadas a título individual por unha empresa, aínda que actualmente o ICTE describiu un Sistema de Xestión de Calidade Espazo Público Singular (EPS). Trátase dun espazo de uso turístico que destaca polo seu valor arquitectónico, cultural ou natural, representativo do destino no que se atopa e xestionado total ou parcialmente por un ente público. É un programa desenvolvido pola Consellería de Turismo e Cultura e ICTE a través dun convenio asinado este mesmo ano para a incorporación da “Q” de Calidade no Camiño de Santiago. 

Ten como finalidade a xestión integral e permanente da calidade e trata de lograr un nivel de calidade homoxéneo nos servizos ofrecidos ao turista dentro dese destino. Ademais co traballo conxunto e en gobernanza de entidades públicas e privadas, Fundación Pazo de Mos, Concello de Mos, Asociación de Veciños Santa Baia e Comunidade de Montes de Mos, non soamente se creará unha estrutura permanente de xestión e impulso da calidade, senón que se garantirá a estabilidade e continuidade do proxecto, así como a promoción da implantación dos estándares de calidade intersectoriais e sectoriais nas empresas/servizos turísticos do destino.

O traballo para lograr estes distintivos de compromiso e esforzo no proxecto levado a cabo nestes últimos anos tamén ten entre os seus obxectivos o de incrementar a implicación dos axentes do territorio.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad