Redacción 24/07/2020

Representantes do Concello de Mos visitaron onte as tres escolas infantís da localidade. En agosto realizaranse os traballos de mantemento e de instalación de medidas de seguridade ante a COVID-19; unha actuación que a oposición reclamara hai xa semanas.

 

O Concello de Mos comezou esta semana a traballar para que de cara á súa reapertura en setembro, as tres Escolas Infantís da Rede A Galiña Azul, da Porteliña, Cototorrón e Veigadaña, estean en correcto estado e con todas as medidas de seguridade ante a COVID-19 instaladas. Durante todo o vindeiro mes de agosto acometeranse nas tres Escolas Infantís Municipais da Galiña Azul obras de mantemento e reparacións necesarias derivadas do habitual uso das instalacións, así como labores de acondicionamento dos xardíns e outras actuacións como cambio de parte da grifería para adaptala á nova normativa anti COVID-19 e dos dosificadores de papel polo mesmo motivo.

Deste xeito todas as dependencias quedarán adaptadas aos novos protocolos de uso das mesmas, onde se impartirán as clases en grupos burbulla, é dicir, grupos dun número reducido de nenos. Para detectar e contrastar as necesidades de cada centro a concelleira de Política Social mosense, Sara Cebreiro, participou este mes no Consello Escolar das tres escolas infantís, nas que ademais da dirección dos centros tamén estiveron presentes membros das ANPAs e, durante o mesmo, recolléronse todas as necesidades das escolas e informouse dos novos protocolos de métodos e productos de limpeza que se instaurarán nos centros educativos a partir de setembro, e que son diferentes aos existentes ata o de agora.

Para ultimar detalles, repasar e confirmar in situ as necesidades das escolas infantís e coordinar os prazos de execución dos traballos que se realizarán en agosto, a concelleira de Política Social Sara Cebreiro, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, visitaron esta mañá as instalacións das 3 Escolas Infantís A Galiña Azul mosenses: Porteliña, Cototorrón e Veigadaña.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad