Os concelleiros socialistas incorporáronse este luns 1 de xullo á actividade diaria do goberno municipal
A agrupación local do PSdeG-PSOE tomou a decisión de formar un goberno tras o resultado das pasadas eleccións municipais nas que as forzas de esquerda obtiveron a maioría. O obxectivo foi acadar un acordo de gobernabilidade, cumprindo co dito en campaña: “Non imos apoiar cos nosos votos unha alcaldía de Marcos Besada” e “votar o PSOE é non volver ós 32 anos de atraso do Partido Popular” segundo manifestou a nosa candidata en todos os mitins.
A renuncia do anterior Alcalde, Marcos Besada á súa acta de concelleiro fixo posible o comezo das negociacións con esta formación. Iniciamos así encontros nos que os representantes do PSdeG-PSOE e de MS tivemos que ceder partes do noso programa ata chegar a un acordo final. A proposta que puxo o PSOE de Salceda sobre a mesa na última negociación, supoñía a aceptación por parte de Movemento Salceda da alcaldía rotatoria de dous e dous anos e unhas liñas estratéxicas con acordos en puntos base para acadar un goberno estable para os próximos 4 anos.
Un goberno de coalición implica negociación e consenso, no que conflúan programas, adicacións e proxectos, para o cal ambas formacións teñen que ceder en certos puntos. O contexto actual de goberno en maioría levou a que as negociacións de adicacións e competencias se basearan nas realizadas no ano 2011, na que daquela se chegara a un acordo entre o PSdeg-PSOE e BNG, sendo esta a última ocasión na que Salceda contou cun goberno de coalición en maioría. E así, o custe total e o número de adicacións do actual goberno será moi similar o establecido fai 8 anos.
Asómbranos a capacidade que ten o Partido Popular para terxiversar a realidade. O PSdeG-PSOE nunca dixo que ía deixar gobernar o PP, nin vai aceptar a campaña de calumnias e manipulación que esta organización leva facendo desde que se coñecen os resultados electoráis. Colofón a esta campaña foi que o voceiro do PP quixera facer crer que o contexto dos soldos na lexislatura anterior cun goberno en minoría era o mesmo da actual cun goberno en maioría. Así como a proposta do seu voceiro de pedir unha voz única no pleno para PSdeG-PSOE e MS, limitando así o dereito de representación democrática de ámbalas dúas formacións no pleno da corporación. Os gobernos de coalición son iso, dúas organizacións diferentes coa madurez suficiente para chegar a acordos e gobernar, sen perder a súa identidade: negociando dedicacións, salarios e actuacións a realizar non sendo todo o que quere un, nin o que quere otro.
Queremos facer incapé en que as decisións que se toman no partido socialista en canto a negociacións, acordos de goberno, etc, son tomadas democráticamente polos integrantes desta agrupación. Entendemos que o PP non entenda esta forma de funcionamento, pero Verónica Tourón foi elexida democráticamente para ser a Secretaria Xeral e asume as decisións avaladas pola agrupación. Centrarse e atacar persoalmente e de xeito insistente á nosa voceira rebasa os límites do respecto e a crítica política.
Dende o grupo municipal socialista advirten que non van entrar na discusión constante e personalista que pretende o PP en relación con todos os aspectos do acordo do goberno e lembran que os pactos son totalmente lícitos e democráticos. Esperan, ademais, que sexa unha lexislatura na que todos entendan que cando non hai maiorías hai que acordar polo ben da veciñanza e que o PP abandone a crispación para sumarse a traballar por Salceda.