Redacción 03/07/2023

Tui foi o concello que contou con máis participantes. Foron dous meses de formación e cun intenso proceso de mentorización

Cecilia Portela, María Cristina Alves, Javier Argüelles e Gema María Fernández son as catro persoas emprendedoras de Tui que participaron dende o mes de abril no primeiro coworking multisede da Deputación de Pontevedra e da Escola de Organización Industrial (EOI), que se desenvolveu en Tui, Vigo e Silleda.

Estas catro persoas tiveron a oportunidade, durante dous meses, de realizar de xeito intensivo formación clave que lles axudará na posta en marcha do seu proxecto emprendedor, ao tempo que participaron nun intenso proceso de mentorización para facer as súas propostas realidade.

Co obxectivo de lanzar os seus proxectos empresariais, en fase temperá de desenvolvemento ou de recente creación, as e o emprendedor de Tui compartiron no acto de clausura do coworking as súas necesidades e as súas impresións tras a súa participación.

Cecilia Portela é propietaria de “Propostas Arquitectura”, e presentou este estudo de arquitectura e deseño de interiores que se dedica a proxectos de construción, edificación e urbanismo. Ademais está especializado no aproveitamento de espazos aos que busca “aportar un valor diferencial e innovador”.

“Bordados Crisalpa” é o nome da empresa creativa de bordados a medida que impulsou a tamén tudense María Cristina Alves. O seu proxecto naceu como un pasatempo e agora pretende ser unha empresa onde ofrecer produtos bordados a empresas e consumidor final. Ademais, un dos seus obxectivos é pór en valor as vantaxes do bordado sobre outras formas de personalizar.

Javier Argüelles presentou no coworking a súa proposta de espazo cultural onde poder realizar actividades culturais, formativas e de ocio, chamado “O Almacén”. Javier Argüelles leva 25 anos traballando no sector cultural organizando eventos, e decidiu crear O Almacén para crear unha comunidade mediante a co-creación “implicando á cidadanía na elección das actividades a realizar”.

Finalmente, de Tui participou Gema María Fernández cun proxecto que combina a paixón pola artesanía e os detalles para eventos, chamado “Essentia HM”. O seu é un proxecto no que quere captar a esencia da celebración en cada obxecto para conseguir “revivir as sensacións e sentimentos dun día especial”. Facía balance Gema María Fernández do que foi este coworking, e o definiu como “un antes e un despois”, que lle aportou “coñecementos que precisaba”.

Tui foi o concello que contou con máis participantes.

A concelleira Ana Núñez, que no anterior mandato estaba ao fronte das concellerías de Formación e Emprego, destaca a utilidade e o valor deste tipo de iniciativas, “que axudan a que os e as emprendedoras non se sintan sós e soas no camiño”. Dicía tamén que o Concello de Tui “precisa novas oportunidades de negocio e de emprendemento, e estas catro persoas son o mellor exemplo do talento que hai na cidade”.

Asemade, Ana Núñez afirmou que o Concello “está xa mantendo conversacións coas catro persoas participantes para poder impulsar os seus proxectos e brindarlles a axuda necesaria”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad