As medidas de presión terán lugar este xoves 22 de 11:00 a 12:00 h
A asemblea de traballadores do Centro Tecnolóxico AIMEN do Porriño acordou convocar para este xoves 22 un paro dunha hora e unha concentración diante das instalacións situadas na rúa Relva 27 A de Torneiros entre as 11:00 e as 12:00 h para rexeitar a conxelación salarial anunciada pola dirección desta asociación empresarial privada sen ánimo de lucro.
Dende o comité de empresa (6 representantes da CIG e 2 independentes) explican que lle propuxeron ao cadro de persoal comezar coas protestas tras constatar que AIMEN non está disposto a actualizar os soldos. “Levamos dende xaneiro negociando un acordo de empresa e chegamos a pactos sobre os horarios e na forma en que se aplica o plus de transporte, pero á hora de establecer o incremento salarial néganse argumentando que están en perdas e que o fan para garantir a viabilidade da compañía”, explican dende a CIG en AIMEN.
Neste senso, consideran que a viabilidade da empresa non pode depender unicamente dos soldos dos traballadores/as, ao tempo que lembran que AIMEN prevé aumentar este ano a súa facturación nuns dous millóns de euros, pasando dos máis de 17 do ano pasado aos cerca de 20 do actual. De feito, o propio presidente da empresa aseguraba recentemente que a carga de traballo, con importante proxectos internacionais en carteira, non deixaba de medrar nos últimos tempos.
A única proposta achegada pola dirección contempla unha prima de pago para o ano que vén condicionada aos resultados económicos, algo que rexeitan dende a parte social lembrando que o ano pasado xa se produciu unha suba de soldos desigual entre os 290 traballadores.