Sabela Landín 14/06/2023

Dende o Concello de Tui promóvese unha política activa de emprego con formación, orientación e intermediación laboral

Por primeira vez en quince anos, o número de persoas desempregadas en Tui descendeu por baixo da barreira das 1000, segundo os datos correspondentes ao mes de maio de 2023. En concreto o paro situouse nas 989 persoas o mes pasado, diminuíndo en 98 persoas con respecto a abril. Esta notable redución no desemprego reflicte os esforzos continuos do Concello de Tui para mellorar a empregabilidade dos seus habitantes.

Durante o últimos catro anos, o Concello de Tui ten implementado unha serie de accións orientadas a fomentar a empregabilidade. Leváronse a cabo, en colaboración coa administración autonómica e estatal, cursos de formación nos que as persoas participantes obtiveron o certificado de profesionalidade, así como obradoiros de emprego e dous programas integrados de emprego. Estas iniciativas proporcionaron ao alumnado as habilidades necesarias para competir no mercado laboral actual, ampliando así as súas oportunidades de emprego.

Un dos alicerces fundamentais na loita contra o desemprego en Tui foi o Servizo Municipal de Orientación. Este servizo non só brinda asesoramento e apoio aos desempregados, senón que tamén establece contactos coas empresas locais, levando a cabo intermediación laboral, e adaptando a oferta formativa ás necesidades do tecido empresarial da zona. Grazas a este labor proactivo, logrouse un mellor axuste entre a demanda e a oferta de emprego, favorecendo a inserción laboral dos cidadáns de Tui.

A concelleira de Formación e Emprego en funcións, Ana Núñez, expresa a súa gratitude e recoñecemento a todos os actores involucrados neste logro. Destaca a dedicación e o compromiso das persoas que teñen participado nas distintas accións formativas, así como a colaboración das empresas locais e o apoio do Servizo de Orientación. Este fito, indica a edil, é “un exemplo claro de como o traballo conxunto pode ter un impacto positivo e duradeiro na vida das persoas”. Salienta a importancia dese traballo conxunto así coma da necesaria colaboración público-privada para acadar estes resultados. Tamén dende o concello de Tui quérese amosar o agradecemento as administración que tiveron tamén un papel importante nas actividades formativas impartidas coma a Xunta de Galicia, a Deputación ou o goberno do Estado.

O Concello de Tui continuará traballando para manter e mellorar estes resultados na loita contra o desemprego. Así continuará a promover accións que impulsen a formación, a empregabilidade e o crecemento económico.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad