Dende a Administración local ampáranse legalmente ao Plan Especial de Dotacións aprobado e en vigor dende setembro de 2022
O Concello de Mos informa de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) inadmitiu o recurso de casación cursado pola administración local mosense, ante a denuncia da Comunidade de Montes de Tameiga polas obras daCidade Deportiva do Celta en Pereiras.
Aínda así, dende o Concello indican que as devanditas obras realizadas en Afouteza atópanse amparadas legalmente polo Plan Especial aprobado e en vigor desde setembro de 2022.
A administración local mosense anunciara hai un ano que o Concello esgotaría todas as vías legais posibles e presentaría recurso de casación. Recurso que foi inadmitido, pero que non supón a ilegalidade da Cidade Deportiva, pois esta atópase amparada polo Plan Especial de Dotacións en vigor.
“Existindo un Plan Especial de Dotacións en vigor e aprobado en setembro de 2022”, declarou Nidia Arévalo, “as obras non son ilegais. Son totalmente compatibles e autorizables urbanísticamente en solo rústico, ao amparo do Plan Especial de Dotacións en vigor”.
A aprobación definitiva do Plan Especial da Cidade Deportiva do RC Celta en Pereiras data de setembro de 2022, como xa se dixo. Previamente o Plan Especial fora aprobado inicialmente en Xunta de Goberno Local, trámite tras o cal someteuse ao pertinente período de exposición pública presentándose tan só 3 alegacións durante a mesma. E logo, con todos os informes sectoriais favorables -tanto os de Montes, Medio Ambiente, Patrimonio… etc. da Xunta de Galicia; como os estatais de AESA e Confederación Hidrográfica- aprobouse provisionalmente en Xunta de Goberno Local para a súa remisión a Urbanismo da Xunta de Galicia.
A continuación, a Xunta informou e Concello para a súa aprobación definitiva, efectiva desde hai 7 meses. Deste xeito, este Plan Especial en vigor, ampara a legalidade urbanística da Cidade Deportiva Afouteza, na que non inflúe a inadmisión do recurso de casación ao Concello de Mos.