Redacción 25/04/2023

A sala contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia  rexeita o recurso de casación da alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo, e confirma que a cidade deportiva é ilegal

A sala Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia,  desestima o recurso de casación cursado polo Concello de Mos confirmando así o dictamen anterior do TSXG, que declaraba ilegal a construcción da Cidade Deportiva do Celta en montes comunais.

A Comunidade de Montes de Tameiga declárase satisfeita ca resolución do Tribunal Superior, que reafirma a ilegalidade das licenzas concedidas polo Concello de Mos, para a construcción da Cidade Deportiva do Celta. Lembran que, o goberno local mosense, permitiu o despropósito urbanístico da construción dun edificio de case 3.000 m2, cando pola cualificación do solo rústico de especial protección, só podían construirse uns pequenos vestiarios e almacéns.

A Comunidade de Montes sinala que a cidade deportiva segue carecendo, a día de hoxe,  de ningunha cobertura legal, xa que está recurrido o intento de Nidia Arévalo de legalizar despois de construída a cidade deportiva mediante un Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas Deportivas.

“A cidade deportiva é ilegal. A sentenza é firme. Agardamos que pronto se execute a sentenza e restitúa a legalidade urbanística” declara Cesar Lago, presidente da Comunidade de Montes de Tameiga. Dende a Comunidade de Montes destacan que tamén Ecoloxistas en Acción, a Asociación Veciñal A Portela de Tameiga e tanto o Partido Socialista como o BNG, instaron á xustiza a actuar contra este despropósito urbanístico do goberno local de Mos en montes comunais.

Ademais subliñan que “se fala sempre dunha cidade deportiva e que renunciaban ao macro centro comercial, pero no proxecto Galicia Sport 360 que presentou o presidente de Celta, Carlos Mouriño, quedounos claro que é un proxecto da industria do ocio e que os campos de fútbol, son a excusa para expropiar o monte comunal e logo recalificalo para poder construir un complexo de hoteis, restaurantes, cafeterías e xogos recreativos”. 

A xunta reitora de Tameiga parabeniza a toda a veciñanza comuneira que, durante estes máis de catro anos de loita, non cederon as ameazas e insultos nin a campaña de acoso mediante denuncias instigadas pola alcaldesa do Partido Popular, principal promotora deste despropósito urbanístico. Agardan que unha vez clara a ilegalidade das licencias concedidas, prospere a denuncia por prevaricación cursada contra Nidia Arévalo pola concesións destas licenzas.

“Instamos a Nidia Arévalo a que recoñeza a ilegalidade das licencias concedidas polo seu goberno e pida desculpas á veciñanza de Mos” indica Cesar Lago, presidente da Comunidade de Montes de Tameiga.  A veciñanza comuneira agarda que esta sentenza serva ademais de exemplo para todos aqueles que desde as administracións pensan que poden obrar por enriba da Lei; e para as empresas que operan con prácticas tan pouco éticas como as do presidente do Celta, Carlos Mouriño.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad