- O festival volverá a ter no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río o epicentro da súa programación musical, recuperará o Torreiro e programará un total de 25 actuacións musicais nos cinco días de duración
- Entre os primeiros nomes confirmados do festival están o regreso a Cans de Tony Lomba e Elio dos Santos, os cataláns Serial Killerz e as galegas Zeltia Irevire, Mallou e Paloma
- O espazo singular do invernadoiro contará coa presenza do recoñecido cantautor chileno Nano Stern e da poeta e acordeonista Rosalía Fernández Rial, cun aforo de só 75 entradas por actuación a un prezo de 5 euros.
O Festival de Cans deu a coñecer hoxe un avance da programación musical coa que celebrará a XX edición do certame, que terá lugar do 16 ao 20 de maio nesta aldea de O Porriño. Todos os días do festival pecharanse cunha actuación musical, destacando as que terán lugar o venres, 19 e o sábado 20 de maio no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río, que volverá ser o gran epicentro musical de Cans. O evento prepara unha gran celebración, e programará un total de 25 actuacións musicais ao longo dos cinco días que durará o certame e onde os concertos tamén regresarán ao emblemático Torreiro das Estrelas.
O sábado, 20 de maio será o día grande do festival e contará coas actuacións de noite (Espazo Estrella Galicia) da banda Mr, Kilombo, o proxecto de música de raíz festiva encabezado polo madrileño Miki Ramirez, e do espectacular dúo de DJs Serial Killerz que xa pasaron por festivais de prestixio como o FIB, Sonorama ou Viña Rock. Na tarde do sábado, no mesmo Espazo Estrella Galicia, actuarán The Limboos, banda de orixe galega afincada en Madrid, cunha traxectoria de dez anos marcada por un rythm&blues elegante e un directo espectacular que fará bailar a todo o público.
Para conmemorar esta XX edición, o Festival de Cans volverá programar actuacións noutro dos espazos históricos da aldea, como é o Torreiro das Estrelas. A este espazo regresarán na tarde-noite do sábado 20 de maio unha das formacións máis aclamadas nos vinte anos de historia de Cans, Tony Lomba e Elio dos Santos, que ofrecerán un concerto moi especial polo XX aniversario, ademais dunha sesión vermú coa fermosa música de Mallou, recentes gañadores do Premio Narf da Deputación da Coruña. Na fin de semana, as noites pecharanse coa música de Eme Dj e de Rapariga Dj.
Estas actuacións non serán as únicas a celebrar no Torreiro e no Espazo Estrella Galicia, xa que nos vindeiros días anunciaranse outras das bandas máis relevantes que pasarán polo festival, así como unha programación especial que terá lugar o 17 de maio, festividade das Letras Galegas.
Noite Lasal dos videoclips e Invernadoiro co chileno Nano Stern
O martes, 16 de maio, anterior ao festivo das Letras Galegas, terá lugar na Praza do Concello do Porriño a Noite Lasal dos videoclips, que contará coa actuación da galega Zeltia Irevire, unha das artistas galegas novas con máis proxección. O xoves, 18 de maio terá lugar a actuación da novísima artista compostelá Paloma, co seu pop experimental con influencias do jazz, o blues e o folk americano, que está gravando o seu primeiro disco. Esta actuación incorpora un espazo novidoso como é a terraza exterior do Círculo Recreativo Cultural e terá lugar o xoves 18 trala proxección de “Honeymoon”,de Enrique Otero, filme que abrirá o festival.
Todas as actuacións serán de balde, excepto as que terán lugar na tarde do sábado, 20 de maio no Invernadoiro de Juan e Mucha do Peso. Polo singular espazo que combina unha parte audiovisual no Jalpón con concertos no invernadoiro, pasarán o chileno Nano Stern, un ídolo no seu país, que forma parte da terceira xeración de cantautores chilenos, e a poeta, acordeonista e performer Rosalía Fernández Rial.
Stern presentará tamén un avance do documental que está a realizar dos novos artistas da canción chilena, e Rosalía Fernández Rial combinará música e poesía, partindo das pezas audiovisuais inspiradas nos seus poemas, parte de cuxa obra se estreará no Festival de Cans.
O invernadoiro é un espazo dos máis demandados polo público, pero limitado a un aforo de só 75 persoas por actuación. As entradas para este espazo están desde hoxe á venda a un prezo de 5 euros na tenda www.festivaldecans.com, do mesmo xeito que as entradas individuais para asistir ás sesións de curtametraxes da competición de “Furacáns” e “Ficción e animación”.