Sabela Landín 18/04/2023

Miles de persoas participaron na ampla programación celebrada dende o día 8

De forma multitudinaria Tui despediu onte as festas de San Telmo, declaradas de interese turístico galego, e que dende o pasado 8 de abril se celebraron na cidade.

A solemne procesión da San Telmo foi unha das derradeiras actividades do programa de festexos. Ás nove da noite partiu dende a Catedral cunha ampla comitiva este acto procesional no que participaron as imaxes de virxes e santos das distintas parroquias tudenses e mesmo dende Valença, San Teotonio. A Banda de Guerra e Guión da Brilat abriu a procesión na que tamén participaron a Banda de Gaitas Arume de Malvas, a Banda de Música Popular de Tui e a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, a deputada Ana Laura Iglesias, e o xeneral de Brigada Comandante da Forza de protección da Armada, Manuel García Ortiz, estiveron entre as numerosas autoridades que participaron neste ano. Mentres o bispo da Diocese, Luís Quinteiro, encabezou as autoridades relixiosas.  Este ano catro axentes da Policía Local, coma confrades de honra, escoltaba a San Telmo durante o seu percorrido polas rúas de Tui ateigadas de persoas para ver o paso deste acto procesional. Ao seu regreso á praza de San Fernando tivo lugar a ofrenda a San Telmo, na que a Coral San Telmo e a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín interpretaron a “Salve Mariñeira” e o “Himno a San Telmo” composto por Manuel Martinez Posse.

A tirada de fogos piromusicais  dende os Xardíns de Troncoso iluminaron de cor a noite tudense para despedir as festas, mentres miles de persoas bailaron ao son da orquestra Panorama no recinto feira na derradeira verbena dos festexos.

Ao longo de todas as festas foron miles as persoas que gozaron da ampla programación prevista para todas as idades. A carpa da Corredoira encheuse cada tarde de público familiar que gozou coas actuacións do Rey Midas, Patty Diphusa, Brais das Hortas, Paco Nogueiras, Migallas… As rúa enchéronse coa animación de Barafunda, Troula, Cé Orquestra, as charangas Cantos Somos e A Tu Ritmo, e cos Xigantes e Cabezudos.

A música foi unha das ofertas destacadas das festas cos concertos que na primeira fin de semana ofreceron no recinto feiral Nena Daconte e Rafa Sánchez, ou que o pasado sábado, para o público máis novo correu a cargo de Arce coa actuación tamén dos dj Arce e Mesu.

O mesmo aconteceu na carpa cos concertos das bandas de música de Tui, Silleda, Salceda, Rubiós e a Militar de Marín.  Neste mesmo escenario pola noite actuaron os grupos tudenses Amnesia e Ola de Calor, o metade tudense metade valenciano, Old Bridge, xunto a La Patrulla, e Los Jinetes del Trópico que de novo rexistraron un cheo total nas súas actuacións.

Tanto na rúa Compostela coma no recinto feira as verbenas foron total un éxito total con miles de persoas disfrutando e bailando cos espectáculos das orquestras Olympus, América, Satélites, Los Players e Panorama.

Non faltou a música tradicional co concerto que ofreceu Treixadura e co festival folclórico no que oito grupos tudenses amosaron a calidade e o traballo que realizan ao longo do ano entorno a música tradicional.

O teatro tamén estivo presente coa XIII Semana de Teatro Amador con gran éxito de público. Neste ciclo participaron os grupos de teatro Chirlomirlo de Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, A Insua de Caldelas e o grupo de teatro Aloia de Pazos de Reis.

As festas tamén deixaron o seu retorno no comercio, na hostalería e na restauración local, acadando un alto índice de ocupación nos aloxamento, e tamén na restauración local onde moitos establecementos  ao longo da fin de semana colgaron o cartel de completo.

Tui despide así as súas festas patronais con gran éxito de público e nas que o tempo tamén acompañou e propiciou o disfrute das mesmas na rúa.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad