Sabela Landín 15/04/2023

Carmela Silva: “Foi unha semana espléndida que augura que imos ter un verán tamén histórico. Os datos amosan que non só atraemos o turismo de costa, senón tamén o de interior”

“Foi unha Semana Santa histórica que augura que imos ter un verán tamén histórico”. Deste xeito cualificou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, os datos de ocupación turística na provincia que, segundo subliñou, “superan na maioría dos casos os do 2022 e son similares e incluso mellores que os datos prepandemia”. Deste xeito, foi unha semana “espléndida” en canto a número de visitantes, cunha ocupación media na provincia superior ao 75,2% entre o xoves 6 de abril e o domingo 9, e próxima ao 70% durante toda a semana, datos que son 13 puntos superiores aos acadados neste período no pasado ano. O dato é aínda maior nos establecementos hoteleiros de superior categoría da provincia, cun rexistro medio do 70,4% durante toda a Semana Santa e ata o 86% nos festivos. Carmela Silva tamén destacou as cifras do turismo rural (que acadou un 70% entre o xoves e o domingo) e as vivendas turísticas (85% neses catro días), así como a afluencia récord nestas datas de visitantes aos Castelos de Soutomaior e Sobroso, cun total de 4.281 persoas.

“No anterior verán superáronse os datos prepandemia na maioría das comarcas e neste creo que imos superar estes resultados con bastante folgura –avanzou a presidenta de cara aos vindeiros meses-. “Amosan que a xente quere vir pasar as súas vacacións a este destino e que amais estamos conseguindo algo moi relevante, que é que non so haxa un turismo de costa, senón tamén de interior. Un turismo que busca gastronomía, cultura, ocio ou paisaxe, xunto a reclamos como poden ser os camiños xacobeos e outros atractivos”.

Carmela Silva incidiu en que as estatísticas ofrecidas polo Observatorio de Turismo Rías Baixas teñen en conta a media de todo o sector hoteleiro, incluíndo desde os aloxamentos de pequeno tamaño ata os de categoría superior. Deste xeito, e xa detallada por comarcas, a ocupación nos establecementos hoteleiros da comarca de Vigo acadou un 73% ao longo de toda a semana (14 puntos máis que o pasado ano) e un 80,4% entre o xoves e o domingo (11 puntos máis que o 2022), aínda que a porcentaxe subiu nos aloxamentos de superior categoría a un 76% nos sete días e ao 87,4% nos festivos. Por outra banda, O Salnés rexistrou un 70,2% ao longo da Semana Santa e un 82% entre o xoves e o domingo (11 puntos máis), e no caso dos establecementos de superior categoría a ocupación incrementouse ata o 75,2% durante toda a semana e do 86% nos catro últimos días. A comarca de Caldas chegou ao 69% de luns a domingo (10 puntos máis) e do 83% nos festivos (9 puntos máis). Nos locais de superior categoría a ocupación foi do 70,2% en toda a semana e do 86% de xoves a domingo.

A comarca do Morrazo tivo os seus establecementos ao 69% durante toda a semana (9 puntos máis que no 2022) e ao 74% entre o xoves e o domingo (6 máis), e os de superior categoría lograron un 69,5% en toda a semana e un 79,3% os festivos. O Condado e A Paradanta acadaron un 68% de ocupación ao longo da semana (8 puntos máis) e un 70,5% entre o xoves e o domingo (5 máis), cunha ocupación nos hoteis de superior categoría do 69,2% en toda a semana e do 75,5% nos festivos. Por outra banda, no Baixo Miño houbo unha ocupación media do 66,2% (11 puntos máis) e do 73,1% entre o xoves e o domingo (8 máis), mentres que nos establecementos de superior categoría foi do 70,4% en toda a semana e do 83,1% nos festivos. En Deza e Terra de Montes rexistrouse un 62,4% de ocupación na semana (5 puntos máis) e un 65,1% de xoves a domingo (6 puntos máis), e dun 65,4% en toda a Semana Santa e do 73,1% entre o xoves e o domingo nos establecementos de superior categoría. E a comarca de Pontevedra acadou un 61,2% na semana (9 puntos máis) e o 71% entre o xoves e o domingo (1 punto máis), cuns rexistros nos locais de superior categoría do 69,2% en toda a semana e do 81% nos festivos.

Por concellos turísticos, na cidade de Vigo a ocupación foi en toda a semana do 70,3% (12 puntos máis que o pasado ano) e entre o xoves e o domingo ascendeu ao 80,4% (9 puntos máis).  No caso dos establecementos de superior categoría a ocupación situouse no 77,3% durante toda a semana e no 90% os festivos. En Baiona a ocupación foi os sete días do 65,3% (10 puntos máis que no 2022) e entre o xoves e o domingo do 73% (12 máis). Nos establecementos de superior categoría situouse no 66,3% durante a semana e no 81,3% entre o xoves e o domingo. En Sanxenxo superou o 63,3% na semana  (11 máis) e do 79% entre o xoves e o domingo (11 máis), cunha ocupación nos aloxamentos de superior categoría no 78,2% durante toda a semana e no 86,4% entre o xoves e o domingo. No caso do Grove a ocupación foi do 60% durante toda a semana (6 máis) e do 72% entre o xoves e o domingo. No caso dos establecementos de superior categoría a ocupación situouse no 65% durante toda a semana e no 80% os festivos. Na cidade de Pontevedra a ocupación foi do 70% en toda a semana (7 puntos máis) e do 76,5% entre o xoves e o domingo (3 puntos máis) e, no que atinxe aos establecementos de superior categoría, a porcentaxe foi do 65,5% toda a semana e no 80,5% entre o xoves e o domingo.

En canto aos establecementos de turismo rural os datos foron tamén “extraordinarios” e moi superiores aos do 2022, cunha media provincial do 53% en toda a Semana Santa  (11 puntos máis) e que do 70% nos festivos (3 puntos máis). A comarca do Baixo Miño rexistrou un 68% durante a semana (4 máis) e un 84,1% entre o xoves e o domingo, mentres que Caldas acadou un 63% ao longo da semana (5 máis) e un 73% entre o xoves e o domingo. No que atinxe ás comarcas do Deza e Terra de Montes acadouse un 55% de ocupación na semana (24 puntos máis) e dun 58% nos festivos (3 máis), mentres que na comarca de Vigo foi do 54% na semana (16 puntos máis) e do 61% de xoves a domingo (2 máis). O Salnés alcanzou o 53% durante a semana (7 puntos máis) e o 71,5% entre o xoves e o domingo (1 punto máis); a comarca de Pontevedra un 48,5% durante a semana (7 puntos máis) e un 73% nos festivos (6 puntos máis); O Condado e A Paradanta, un 45,2% entre semana (13 puntos máis) e 70,3% entre o xoves e o domingo (5 máis) e a comarca do Morrazo rexistrou un 42,7% entre semana (4 máis) e 71,2% entre o xoves e o domingo (3 máis).

No que se refire ás vivendas turísticas, a ocupación media ao longo da semana foi do 75% e do 85% de xoves a domingo. Neses catro días as maiores taxas de ocupación rexistráronse en Sanxenxo (85%); Cangas (83%); O Grove (82%) e Vigo, Pontevedra, Nigrán e Bueu (cun 80%). As persoas que elixiron estes establecementos proviñan principalmente do País Vasco, Asturias, Castela e León e Madrid e, no caso do estranxeiro, de Portugal e Francia.

Por outra banda, esta Semana Santa visitaron os Castelos de Soutomaior e Sobroso un total de 4.281 persoas, cifra récord nestas datas. Foron 3.754 visitantes no primeiro caso e 527 persoas no segundo.

Deja un comentario.

Tu dirección de correo electrónico no será visible. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable Sthela María Táboas González.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Sthela María Táboas González.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad