En maio abriranse tanto as inscricións profesionais como a convocatoria artística para participar na 4ª edición da feira, que se celebrará na Eurocidade Tui-Valença do 21 ao 24 de setembro.
Eurocidade Tui-Valença, 12 de abril.- O encontro profesional das músicas do Minho xa ten datas para a edición 2023. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, xornalistas e público xeral teñen unha nova cita na Eurocidade Valença-Tui do xoves 21 ao domingo 24 de setembro. Esta edición amplíase a catro días de música e encontros profesionais que terán lugar en localizacións emblemáticas de ambos municipios e que converterán de novo á Eurocidade nun polo de intercambio cultural e económico entre os dous países. A feira terá tamén programación aberta á cidadanía, nas prazas e rúas de Tui e Valença, onde se poderá gozar dalgunhas das propostas musicais que se presentarán este ano.
As inscricións abrirán en maio
A principios de maio a organización anunciará a apertura do prazo para que profesionais e artistas podan inscribirse no encontro a través da web mumimusicas.eu. As propostas artísticas poderán candidatarse ata o 31 de maio, mentres que as inscricións para profesionais continuarán abertas até as datas de celebración do evento. En ámbolos dous casos, a participación será gratuíta.
O encontro profesional das músicas do Minho volve á Eurocidade Tui-Valença co obxectivo de seguir medrando e consolidarse como o mercado musical de referencia do oeste peninsular. A pasada edición a feira reuniu a máis de 200 profesionais durante tres días nos que se programaron vinte showcases, seis faladoiros, máis de 150 speedmeetings, e un festival con bandas transfronteirizas.