Redacción 03/04/2023

A concellería de Benestar Social do Concello de Salceda destina o inmoble a aluguer social tras unha reforma de 80.565,71 €

O concello de Salceda de Caselas ven de finalizar nas últimas semanas as obras de rehabilitación da casa de Fontán, de titularidade municipal e que se destinará ao alugueiro social.

Esta actuación, dirixida dende a alcaldía e a concellería de Benestar Social, supuso un investimento de 80.565,71 €, financiados parcialmente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo coa contía de 40.000 €.

As obras de rehabilitación tiveron como obxectivos fundamentais a mellora da funcionalidade e accesibilidade para favorecer as condicións de habitabilidade da futura vivenda.

Mudáronse as dimensións e distribucións das súas estancias interiores para que a vivenda conte cun recibidor, unha sala de estar/comedor, dous dormitorios e un cuarto de baño.

As actuacións levadas a cabo foron a substitución do piso da vivenda e o tellado, mellorouse o illamento da fachada e da cuberta, mudando a carpintería de madeira interior e instalando dobres fiestras, que melloraron a envolvente térmica da edificación.

A rehabilitación completouse coa instalación dun sistema de calefacción e producións ACS e un sistema de ventilación, xunto coa colocación dun sistema de illamento contra o gas radón.

A concelleira salcedense, Ángela Ledo Souto, subliñaba que “o remate desta rehabilitación ofrécenos a posibilidade de poñer a disposición da veciñanza un recurso fundamental como é a vivenda, e cumprir cun dos nosos compromisos fundamentais dende a concellería de Benestar Social”.

Pola súa banda a alcaldesa, Verónica Tourón,  explicaba que “a rehabilitación da vivenda de Fontán supón unha actuación máis de valorización dos inmobles e instalacións municipais, que aproveitamos para dotar dun uso tan importante e necesario como é o de prover de vivenda, a través do aluguer social. Esta liña de traballo de rehabilitación e conservación das instalacións municipais, supón un importante esforzo do departamento de Urbanismo, para por a disposición da veciñanza servizos inexistentes ata o de agora”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad