O espazo contará cun parque infantil renovado, unha zona de aparcamento delimitada e con novidosos elementos de xogo
O Concello de Tui avanza no proxecto da área lúdico recreativa de Chans do Carrasco, en Randufe, dando resposta á demanda que durante anos vén expresando a veciñanza. O proxecto fai fincapé na recuperación deste espazo, moi degradado na actualidade, nunha aposta por rehabilitar espazos públicos para a práctica do deporte ao aire libre.
Con este proxecto concílianse necesidades e mellórase o emprego deste espazo, desprazando a zona do parque infantil cara o lavadoiro, afastándoa dunha estrada altamente transitada ao ser a saída cara o Val Miñor. Intégrase así o valor patrimonial que ten o lavadoiro recentemente restaurado.
A temática do parque infantil será a seguridade viaria, xerando un pequeno circuíto para o desfrute e aprendizaxe dos máis pequenos e pequenas. Asemade, os elementos do parque actual serán recuperados e empregados noutros espazos infantís que nestes momentos poidan atoparse en mal estado.
Introduce ademais elementos novidosos de xogo, adaptados a todas as idades e a todas as capacidades, sendo elementos educativos importantes tendo en conta a proximidade co centro escolar de Randufe.
Nun primeiro momento, procederase á retirada do mobiliario, luminarias e á preparación das superficies existentes de formigón. Posteriormente executarase a regularización e nivelación do terreo para a instalación de pluviais e rego segundo as necesidades. Unha vez concluídos os traballos no firme e no pavimento procederase a instalar os diferentes elementos lúdicos, de bancadas, das novas luminarias e dun tótem informativo.
O espazo está pensado para o desfrute de todos os membros da familia, con áreas de descanso biosaudables, espazo para bicicletas e zonas recuperadas para a práctica de deporte.
Neste momento o proxecto atópase no departamento de contratación para poder ser executado coa maior celeridade posible.
A proposta conta cun investimento total de 298.653,69 euros, dos que 287.648,750 serán aportados pola Deputación de Pontevedra, ao abeiro do Plan Concellos 2023, e os 11.004,94 restantes serán aportados polo Concello de Tui.
O Concello traballa no desenvolvemento de novos proxectos que se axusten á nova forma de entender eses espazos lúdicos recreativos atendendo aos criterios do Plan Ágora.