Redacción 30/03/2023

Entre a súa programación inclúense as Xornadas Internacionais de Apicultura, o Bee Happy Market, degustacións e catas comentadas, ruta de tapas, obradoiros infantís e discoteca móbil

A trixésimo quinta edición da recoñecida feira organizada pola Agrupación Apícola de Galicia xunto coa Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra e o Concello do Porriño, terá lugar o vindeiro 1 de abril e contará cun nutrido programa de actividades que se artellarán entre as 10.00 h e as 20.30 h.

No programa inclúense unha cata comentada da IXP Mel de Galicia e da DOP Miel de la Alcarria, así coma degustacións dos queixos e meles con certificación de orixe premiados nas Catas de Galicia 2022. Ademais de obradoiros infantís, discoteca móbil e unha ruta de tapas que dará comezo o venres 31 de marzo.

Coma o seu propio nome indica, as Xornadas Técnicas Internacionais de Apicultura contarán con profesionais altamente cualificados para abordar as temáticas que máis preocupan ao sector, vencelladas coa saúde das abellas, o futuro da colmea e incluso da propia apicultura.
Baixo o título ‘A nova PAC, como repercute na apicultura. Axudas agroambientais’, Mª Soledad López Villaverde, procedente do Servizo Territorial do FOGGA de Pontevedra, será a encargada de dar o primeiro relatorio da xornada. Pola súa banda, Ana Diéguez Antón, da Facultade de Ciencias de Ourense, seguirá a esta intervención con ‘Control remoto das colmeas, certezas e incertidumes’. Carmen Seijo Coello, profesora da Facultade de Ciencias de Ourense, abordará ‘Mel e territorio: o vínculo xeográfico como ferramenta para a valorización’. O doutor Joel González-Cabrera, do Instituto BIOTECMED, explicará as ‘Causas da resistencia aos medicamentos nas poboacións de Varroa destructor: situación actual’, seguido do doutor Enersto Guzmán Novoa, director do Centro de Investigacións en Abellas da canadiense Universidade de Guelph, que apuntará os ‘Fundamentos para lograr melloramento xenético en abellas melíferas’.

Tras unha pausa para xantar, o último relatorio correrá a cargo do experimentado apicultor e presidente da Agrupación Apícola de Galicia, José Mª Seijo Coello, encargado de abordar os ‘Factores que inflúen na mortandade das colmeas durante a invernada e postinvernada’. Finalmente, a xornada pechará coa Asemblea da Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra.

Tras o éxito da pasada edición, dous selos de calidade que garanten a orixe do mel únense para realizar unha cata conxunta. Así, ás 12.30 h na Praza do Concello, temos unha cita coa interesante cata comentada dos distintos tipos de mel da IXP Mel de Galicia e da DOP Miel de la Alcarria. A técnica e formadora do Panel de Cata de Mel de Galicia Beatriz Ríos Cebreiros, e Amelia V. González Porto, directora do Laboratorio de Produtos da Colmea CIAPA-IRIAF, de Castela-A Mancha, serán as encargadas de guiar esta experiencia para un aforo máximo de 40
persoas.

Posteriormente, os asistentes de todas as idades poderán participar na degustación de Pan de Porriño e Mel de Galicia con IXP ás 13.00 h, así coma na dos queixos e meles con certificación de orixe premiados nas Catas de Galicia 2022 que terá lugar ás 19.00 h.

Mel e artesanía volverán a darse cita no Porriño da man do mercado máis apetitoso. Os amantes do ouro doce da natureza, o bo comer e os produtos artesanais, teñen unha cita ineludible na Praza do Concello co Bee Happy Market que dará comezo ás 10.30 h e pechará ás 20.00 h.

As actividades para os cativos comezarán o venres 31 de marzo, cando o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia e a Agrupación Apícola de Galicia teñen previsto achegar o fermoso universo da apicultura aos escolares dos colexios do Porriño. Da súa man, os cativ@s coñecerán os segredos que gardan as colmeas, os produtos que saen delas e todo o beneficioso que nos aportan as abellas. Ademais, tamén poderán participar nunha degustación comentada para descubrir as claves do Mel de Galicia con IXP. O propio sábado, haberá dous obradoiros do Mel: os ‘Obradoiros infantís Bee Happy Market’ para nenos a partir de 1 ano, en horario de mañá e tarde; e o ‘Obradoiro de elaboración de candeas’ con cera de abella, para cativos a partir de 8 anos e adultos, ás 18.30 h.

O Porriño tamén acollerá unha ruta de tapas nos días venres e sábado con diferentes petiscos
que se poderán adquirir por 1 € coa consumición nos diferentes locais do concello. E para rematar por todo o alto, a partir das 20.00 h do sábado dará comezo a discoteca móbil da man da Duendeneta: Kris K Dj.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad