Logo das actividades de sensibilización realizadas nos centros educativos durante os últimos meses, os nenos, nenas e adolescentes interesados/as no grupo de participación xa tiveron as primeiras xuntanzas
O proxecto parTUIcipando de dinamización da participación infantil e adolescente, avanza con paso firme logo de que persoal especializado en participación infantil e xuvenil acudira aos centros de ensino do concello para dar a coñecer os dereitos da infancia, e animar á xente nova a sumarse ao grupo de participación infantil.
Este grupo de participación infantil, trátase dun órgano estable, de consulta, representación e participación do que xa están inscritos 12 nenas, nenos e adolescentes de Tui, que se xuntan periodicamente para traballar en cuestións do seu interese e buscar propostas de mellora para achegarllas ao goberno local.
O obxectivo desta iniciativa é favorecer a construción da cidadanía activa das nenas, nenos e adolescentes como parte dunha sociedade democrática. Aquí poderán expresar libremente as súas ideas, propor medidas naquelas temáticas que elas e eles mesmos decidan abordar, defender e visibilizar os seus dereitos… sendo así voceiros/as e interlocutores entre nenas, nenos e adolescentes e as administracións públicas locais.
Esta é unha oportunidade que segue aberta a todas as nenas, nenos e adolescentes que vivan en Tui e que lles motive ser protagonistas do seu propio cambio, e polo tanto o concello habilitou un formulario de inscrición na súa páxina web do concello para que as nenas, nenos e adolescentes de entre 10 a 17 anos que o desexen poidan formalizar a súa participación.
Tamén poden obter mais información en partuicipando@gmail.com