A delegada da Xunta en Vigo e o secretario xeral para o Deporte fixeron entrega hoxe de equipamento concedido a clubs e federacións deportivas da cidade por valor de máis de 508.000 €
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, fixeron entrega este martes nas instalacións do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) do equipamento deportivo concedido a un total de 95 entidades da cidade.
Fernández-Tapias e Lete Lasa puxeron en valor que a Xunta apoia o tecido deportivo da cidade coa entrega de equipamento a estes clubs, sociedades e federacións. Inclúese tanto material básico como específico para levar a cabo cada disciplina, así como equipamento sanitario. Tamén lembraron que o Goberno galego leva investidos desde 2009 un total de 10,3M€ a subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos, resultando beneficiarias máis de 1.700 entidades.
A Xunta investiu en total o ano pasado na provincia de Pontevedra máis de 1,9 millóns de euros na adquisición de novo material deportivo para 357 clubs, sociedades e seccións deportivas. En toda Galicia acadouse un investimento histórico de 4,6M€ o ano pasado que permitiu dotar do material necesario para garantir o funcionamento de máis de 800 entidades deportivas.
No resto de provincias, na Coruña houbo 279 entidades beneficiarias desta segunda convocatoria con 1,6M€ investidos na compra de equipamento, 68 na de Ourense por 377.900 € e máis de 100 en Lugo por máis de 618.800 €.
Neste 2023, o orzamento da Vicepresidencia Segunda reserva 44M€ ao ámbito deportivo, o que supón unha cifra récord. Unha parte importante destinarase á creación ou mellora de infraestruturas deportivas cunha dotación de 18M€. Tamén se manterá o apoio ao tecido deportivo cunha achega de 7M€. Desta contía, 2M€ corresponden á orde de axudas ao funcionamento de clubs, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo que xa está publicada, mentres que os 5M€ restantes aos convenios para colaborar con 59 federacións deportivas da comunidade.