O Concello tamén disporá vehículos de aluguer para os que precisen unha solución de mobilidade de forma urxente, e estuda a redacción dunha ordenanza para a concesión de axudas para a adquisición dun novo coche
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto a membros do equipo de goberno e de todos os grupos da corporación municipal, reuniuse onte á tarde no salón de sesións da casa do Concello con medio centenar de persoas afectadas polos incendios rexistrados en cinco puntos do conxunto histórico de Tui, na madrugada do domingo ao luns.
O rexedor tudense explicou coma onte á tarde comezaron a ser retirados os primeiros vehículos que estaban completamente calcinados por parte dunha empresa de desguace contratada polo Concello. Sinalou que esta era unha prioridade ante o risco que presentaban os materiais calcinados. Hoxe mesmo unha empresa especializada encárgase de limpar toda a zona afectada.
Por outra parte, para poder prestar aos afectad@s o mellor asesoramento para poder reclamar ante as compañías aseguradoras, o Concello de Tui contratou a un avogado que asesorará a todos os interesados nesta tramitación. Para iso será preciso que aporten a póliza do seu seguro, así coma a documentación do vehículo sinistrado, que en moitos casos ardeu co coche, polo que deberán solicitar un duplicado.
Dende o Concello estase a xestionar cunha compañía de aluguer de coches, a dispoñibilidade destes vehículos para os afectados que poidan precisar dunha solución de mobilidade de xeito inmediato. O Concello asumirá os custos do aluguer. Amais o persoal técnico municipal está a estudar xa as axudas que, dende o Concello, se poderían establecer para facer fronte á adquisición dun novo vehículo, por parte daquelas persoas que perderon o seu coche nos sucesos acaecidos no conxunto histórico. Para iso será preciso redactar unha ordenanza municipal na que se establezan os criterios para a concesión das axudas.