Sthela Táboas 16/03/2023

O xefe da Policía Local do Porriño é quen se leva a mellor parte cunha cuantía que incrementará a súa nómina de marzo en 1.920 €

No Pleno da pasada semana aprobábanse distintos recoñecementos extraxudiciais de crédito para o pago de distintas partidas, entre as que se encontraba o pago correspondente ás horas extraordinarias e nocturnas dos axentes da Policía Local do Porriño.

A falta de dous concelleiros da oposición á sesión plenaria fixo que o PP aprobase todos os puntos de recoñecementos de crédito, aínda que os concelleiros carecían de suficiente información para valoralos, pudendo quedar ‘enriba da mesa’ para o seguinte Pleno.

O Partido Popular, aprobaba así o pago de 11.838 € en total, dos que 2.970 € corresponden á nocturnidade, e 8.868,52 € a horas extraordinarias dos axentes da Policía Local do Porriño.

Sen dúbida algunha, o que máis traballa é o Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez, que engrosará a súa nómina de marzo con 1.920 € máis distribuídos en 420 €, por 14 noites traballadas, e 1.500 € en horas extraordinarias no mes de febreiro.

O artigo 21 do Acordo regulador do persoal funcionario do Concello do Porriño e convenio colectivo do persoal laboral indica, no apartado d, que “Excepcionalmente, cando dispoñer de horas libres para compensar a realización de horas extraordinarias poida supoñer un grave prexuízo para o funcionamento do servizo, a compensación horaria poderá substituírse pola remuneración económica, nas contías que para cada nivel se estableza no capítulo de retribucións.”

Deste xeito, semella que os 21 axentes da plantilla da Policía Local non serían dabondo para cubrir os servizos cos seus correspondentes descansos; ou ben que se priorizaría a satisfacción económica, por riba da saúde dos mesmos e os correspondentes días libres.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad