Sabela Landín 21/02/2023

Deputación e Concello colaboran na creación da figura de bronce que simboliza a lenda citada por Emilia Pardo Bazán e que serviu para o despegue como destino turístico da illa e do Grove

Carmela Silva, que recordou a historia do burro da Toxa, dedicou a Ceferino de Blas a inauguración da escultura. “Dalgunha forma foi el quen puxo os cimentos para facer realidade esta peza que era xa un desexo de Emilia Pardo Bazán”

José Cacabelos destacou a importancia da escultura “porque simboliza o factor desencadeante de que O Grove hoxe sexa un destino turístico importante, coa Toxa á cabeza”

“El Colón de este nuevo mundo de salud fue un borrico”. Con estas palabras, Emilia Pardo Bazán fixo grande no seu día á lenda que atribúe a un burro o descubrimento das augas termais que impulsaron o tirón turístico da Illa da Toxa. Hoxe, un século despois, esta lenda quedou xa inmortalizada coa inauguración da escultura de bronce elaborada polo artista Lucas Míguez que representa ao equino, froito da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello do Grove. No acto, que reuniu na Toxa a multitude de veciños e veciñas, a presidenta provincial, Carmela Silva, tamén quixo facer unha especial lembranza da figura do xornalista Ceferino de Blas, falecido esta pasada fin de semana e autor da obra “Emilia Pardo Bazán en el país de las Rías” na que aludía á especial relación da escritora co Grove e a Illa da Toxa, coa lectura dun poema de Antonio Machado.

A escultura, instalada preto da capela das cunchas, representa ao burro a tamaño natural e revolvéndose no barro, ao igual que a lenda conta que foi a súa forma de curarse tras ser desahuciado polo seu dono, feito que chamou a atención da veciñanza sobre as propiedades curativas das augas termais e serviu despois como acicate turístico. Xunto á figura, sitúanse dúas placas, unha que rememora a cita de Emilia Pardo Bazán publicada en 1899 na revista La Ilustración Artística, que fai referencia á historia, e outra coa cita do autor Wenceslao Fernández Flórez, datada na Toxa en 1920, na que anima a plasmar a idea da escritora para dedicar unha estatua ao animal, hoxe cumprida.

A presidenta Carmela Silva, que recordou a historia do burro “descubridor” das augas termais da Toxa lendo textualmente parágrafos da obra de Emilia Pardo Bazán de finais do século XIX, dedicou a Ceferino de Blas a inauguración da escultura asegurando que “dalgunha forma foi el quen puxo os cimentos para facer realidade esta peza que era xa un desexo da escritora. Non tiñamos que ter esperado tanto pero é marabilloso ver que hoxe estamos dando cumprimento aos seus desexos”. Referíase a presidenta a que durante a presentación do libro sobre a figura de Emilia Pardo Bazán, escrito por De Blas, con motivo do centenario do falecemento da escritora, xerminou a colaboración entre Deputación e Concello do Grove que hoxe se materializa na inauguración da escultura de Lucas Míguez e que se vai converter xa no novo símbolo da illa. “Hoxe Ceferino de Blas estaría encantado de estar aquí con nós” remarcou, e recordou a traxectoria profesional dun “home renacentista ao que admiraba e quería profundamente como se quere á xente boa. Era amable, conciliador, de conversa profunda e tranquila, de moi firmes conviccións. Un home de mil ideas, como as mil rías sobre as que escribiu no libro sobre Emilia Pardo Bazán”. Carmela Silva rematou o tributo a Ceferino de Blas recitando versos de Antonio Machado.

Pola súa banda, o alcalde grovense José Cacabelos fixo fincapé na importancia que ten a colocación desta escultura para o municipio, porque “simboliza o factor desencadeante de que O Grove hoxe sexa un espazo e destino turístico importante, coa Toxa á cabeza”. Lembrou que a figura está instalada a escasos douscentos metros de onde están localizados os pozos mineiro saudables das augas da Toxa e subliñou o feito de que a lenda do burro, inmortalizada por Pardo Bazán e outros intelectuais, fixo que “se fose facendo pública e tendo máis recoñecemento e que  se empezase a falar da Toxa como o centro turístico termal a nivel internacional”. Cacabelos destacou que a Toxa “foi o gran motor turístico de Galicia nos primeiros anos do século pasado”. “Curiosamente -dixo- a través da lenda do burro nace primeiro o coñecemento das augas minerais e sitúase á Toxa como un centro vinculado a curación de determinadas enfermidades do ámbito sanitario, pero pouco a pouco e coa construción do balneario foi collendo fama como destino turístico ata o que hoxe significa para a nosa vila, porque somos eminentemente un pobo turístico”.

“Síntome afortunado por ter a oportunidade de realizar esta escultura -manifestou pola súa banda o artista Lucas Míguez na súa intervención-, espero que vos guste e que dure moito”. O escultor agradeceu á Deputación e no seu nome á presidenta e ao Concello a posibilidade de sumar unha nova obra pública na súa traxectoria e indicou que, aos seus 78 anos, “son moi afortunado, fago o que queiro e empezo a ver que esta etapa da miña vida estouna a pasar moito mellor do que pensaba, teño moitas cousas que agradecer”. Así mesmo, Francisco Meis, técnico de Medio Ambiente do Concello do Grove e divulgador da historia local, que foi quen suxeriu a proposta da escultura no devandito acto, destacou  que “isto non é simplemente un acto de inauguración, é un símbolo; logramos fixar materialmente, fisicamente, o patrimonio inmaterial que reflexa unha lenda, para sempre, para todas as xeracións futuras que virán cando nós xa nos esteamos aquí. E un patrimonio noso, propio, que nos identifica como pobo”.

Deja un comentario.

Tu dirección de correo electrónico no será visible. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable Sthela María Táboas González.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Sthela María Táboas González.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad