Sabela Landín 21/02/2023

Mañá, martes de Entroido, terá lugar a trixésimo cuarta edición deste desfile a partir das 17:30. Haberá cambios no tráfico no centro urbano da cidade.

O Concello de Tui volve este ano a celebrar o Entroido na súa máxima expresión, coa celebración da trixésimo cuarta edición do Concurso Desfile de Entroido que terá lugar mañá, Martes de Entroido, xornada festiva na localidade.

As 12 comparsas participantes desfilarán con 15 carrozas, onde participarán máis de 900 persoas e 45 músicos amenizarán o percorrido polo centro urbano de Tui aos milleiros persoas que se acheguen a vivir o Entroido tudense. A comitiva percorrerá, dende as 17:30, as rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda.

Tres son as categorías nas que competirán as comparsas neste desfile. Na de Fantasía participarán a Asociación Comparsa Terra de Condes de Redondela e tamén a Asociación Cultural Paradela de Gondomar. Na categoría sen acompañamento musical desfilarán a Asociación Cultural Parada do Miñor de Nigrán, a Asociación Cultural O Borralliño de Soutelo en Salceda, a Asociación A Pandilla de Pontecaldelas, a Asociación Cultural de Pontellas do Porriño e a Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar. Por último, na categoría con acompañamento musical, participarán a Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei, a charanga tudense Cantos Somos, a Asociación Cultural Arume de Malvas, a Asociación en Loureiro coma sempre de Salceda e a Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño.

En total, haberá 5.600 euros en premios máis os trofeos aos que poderán optar todas estas asociacións festivas. Logo do seu desfile, e mentres o xurado delibera estes sete premios en liza, seguirá amenizando a festa a Orquestra Miramar.

A despedida do Entroido tudense terá lugar o próximo domingo día 26 co Enterro do Bacallau.

Debido á celebración deste desfile, haberá un dispositivo especial de tráfico. Deste xeito estará prohibido o estacionamento e a circulación nas rúas do percorrido na tarde de mañá entre as 14:00 e as 21:00. Amais, as rúas Augusto González Besada e Calvo Sotelo serán de dobre sentido de circulación entre as 14:00 e as 21:00, polo que estará prohibido o estacionamento dende as 10:00 até as 21:00 do día de mañá nestas rúas. Por último, no aparcamento municipal, na traseira do edificio Francisco Sánchez, haberá unha zona delimitada onde non se poderá estacionar dende hoxe até as 8:00 do mércores día 22 debido á colocación do escenario da orquestra que amenizará a festa.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad