O Concello de Tui solicita da colaboración cidadá para poder identificar as persoas autoras destes garabatos
O Concello de Tui deplora as pintadas vandálicas realizadas nun tramo da rúa San Telmo, en pleno conxunto histórico de Tui, e que afectan a diversas vivendas e á igrexa de San Telmo. Este acto de incivismo non representa á nosa cidade nin aos seus cidadáns que coidan o conxunto histórico como expresión da nosa identidade, cun sentimento de orgullo polo legado recibido e que compre transmitir nas mellores condicións.
Este comportamento delictivo do autor ou autores desta incualificable agresión patrimonial non pode quedar impune, polo que dende o Concello de Tui, sinala o alcalde Enrique Cabaleiro “se solicita a colaboración cidadá para atopar aos responsables desta desfeita, para que paguen os custes derivados da reparación dos danos producidos no noso patrimonio cultural e non teñan que ser asumidos con cargo aos orzamentos públicos”.
O Concello de Tui mantén o seu compromiso pola conservación do conxunto histórico e asume a limpeza destas pintadas para devolver o ornato a esta rúa e aos inmobles afectados; e lembra que este tipo de accións constitúen un delito contra o patrimonio histórico recollido no Código Penal, polo que cómpre unha decidida condena social a este vandalismo e os seus autores ou autoras.
Enrique Cabaleiro lamenta esta mostra de incivismo que atenta contra a convivencia cidadá e expresa o compromiso do Concello de Tui por lograr a identificación dos responsables destas pintadas, para que asuman a responsabilidade deste atentado patrimonial e ao tempo manifesta a vontade do Concello de Tui e dos cidadáns tudenses de continuar traballando na protección e conservación do noso patrimonio cultural, un labor que non pode quedar esmagado con estes deplorables feitos.