Sthela Táboas 07/02/2023

Todas as agrupacións contarán cunha compensación económica entre 150 e 900 € dependendo do número de participantes con prazo de inscrición ata o 12 de febreiro

O Concello de Salceda de Caselas, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Álex Rodríguez, ten xa aberto o prazo de inscrición para o XXIV Desfile de Carrozas e Comparsas do Entroido 2023, que se celebrará o 19 de febreiro de 2023.

Durante a primeira semana as comparsas e agrupacións locais poderán realizar a súa inscrición, e a partir do 6 de febreiro e ata o 12 poderán facelo as agrupacións de calquera Concello.

Poderán participar no desfile todas aquelas comparsas integradas por un mínimo de 15 compoñentes e constituídas legalmente como asociación, formalizando pola sede electrónica do Concello de Salceda de Caselas a inscrición.

As agrupacións poderán presentarse con ou sen carroza, establecéndose diferentes categorías en ámbolos dous casos. Todas as comparsas admitidas recibirán unha compensación económica pola súa participación, que varía entre os 150 € e os 900 € en función do número de compoñentes. Ademais da dotación económica, establécese un xamón como premio para diversas categorías.

Este ano 2023, o desfile volta á normalidade, logo de non celebrarse no ano 2021 pola COVID19, e das restriccións do pasado ano. Deste xeito, voltará unha das citas máis agardadas pola veciñanza, o concurso de coplas que reúne cada ano a centos de persoas na Praza do Concello.

Toda a información e as bases do concurso poden consultarse a través da páxina web do Concello www.salcedadecaselas.gal ou no taboleiro de anuncios do mesmo Concello e as redes oficiais.

En Salceda, o Entroido é unha das súas festas máis importantes, para o que se prepara xa unha ampla programación que será presentada ao completo uns días antes das festas. A programación municipal completará o xa tradicional enfrontamento entre Castro Barreiro e A Feira, que xa se ven celebrando dende hai 135 anos, e para o que os barrios levan xa tempo traballando arreo no máis estricto segredismo.

O concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez Canosa, explicou  que “en Salceda xa se nota o ambiente de Entroido, no que sen dúbida é o festexo máis importante do noso Concello, e o que conta con máis arraigo social. Todo nun ano no que se recupera a plena normalidade, e no que estamos seguros que Salceda recibirá a milleiros de persoas para presenciar o Entroido máis importante da zona, e un dos máis antigos de Galicia.”

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad