Case mil persoas teñen visitado a mostra dende comezos de decembro
Últimos días para visitar a exposición “O Camiño Portugués, lembranzas de mar e pedra” na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui. A mostra que foi inaugurada a comezos do pasado mes de decembro, remata a súa estadía na nosa cidade este sábado 28 de xaneiro.
A través de 71 instantáneas tomadas nos séculos XIX, XX e XXI, a mostra presenta as realidades, paisaxes e patrimonio da ruta xacobea que une as cidades do Porto e Santiago de Compostela e que ten en Tui a súa porta histórica de entrada en Galicia.
A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, informa que ata agora son practicamente mil persoas as que teñen acudido a visitar esta exposición que combina fotografía histórica e a obra de novos valores da fotografía que realizan un achegamento ao territorio do Camiño Portugués.
A responsable da concellaría de Cultura anima a todos os veciños e veciñas que non teñen visitado esta mostra a achegarse a esta exposición onde Tui e as terras do Baixo Miño teñen un protagonismo especial nesta mostra, que recolle, entre outras, fotografías históricas tiradas no primeiro terzo do século XX por Pacheco, José R. Seco, José Moreira ou o fotógrafo alemán Otto Wunderlich, quen retratou como ninguén a vida, xentes e paisaxes da España dos anos 20. A eles súmanse olladas antigas e contemporáneas da bisbarra e dos pobos lindeiros da fronteira portuguesa, como as que nos achegan José Gouveia Gomes Junior, Roberto de la Torre, Carmenchu Alemán, Antón Buciños, José Suárez ou Modesto Martínez. Pero as imaxes se conxungan con textos coma de Pérez Galdós e outros autores e que demostran “coma Tui é fonte de inspiración para escritores e fotógrafos” en palabras da comisaria da exposición Lucía Laín.