Sabela Landín 11/01/2023

Financiado por Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, este programa, que se desenvolve na provincia de Pontevedra, pretende mellorar a empregabilidade das persoas con discapacidade que se atopan nunha situación vulnerable.

Balanzo do programa de inserción laboral Máis Emprego que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) dirixe a persoas con discapacidade ou incapacidade laboral, empadroadas nos concellos da provincia de Pontevedra e con idades comprendidas entre os 18 e os 65 anos.

A través deste programa foron atendidas un total de 108 persoas, 55 mulleres e 53 homes, co fin de mellorarlles as súas situacións sociolaborais. Ademais da posesión do certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual, todas as persoas participantes deste programa teñen en común correr o risco de estar en situación de exclusión social. Por iso é importante traballar con elas de maneira individual, co deseño de itinerarios personalizados e encamiñados á súa inserción laboral.

Cofinanciado por Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, a través de Máis Emprego impartíronse 5 cursos nos que se formaron 70 persoas, 36 mulleres e 34 homes. As temáticas estiveron orientadas ás ocupacións máis demandadas polas empresas da zona, como son a limpeza hospitalaria que se levou a cabo en Vilagarcía de Arousa e Pontevedra; Almacén e carretilla en Vigo; Conserxería / recepcionista en Marín; Recepcionista de oficina impartido na comarca do Salnés e o curso de Expendedor de combustible impartido no concello de Cuntis.

Ademais da formación para a mellora da empregabilidade, a través de Máis Emprego trázanse itinerarios individualizados, realízase orientación laboral na busca activa de emprego e realízanse visitas a empresas para captar ofertas, analizar as necesidades de especialización de persoal que teñen e coñecer os postos con máis demanda. Durante o ano pasado realizáronse 45 visitas ao empresariado.

Segundo comarca de procedencia das persoas participantes no programa, 34 persoas están empadroadas en Pontevedra; 25 proceden de concellos do Salnés; 21 de Vigo e arredores; 13 de Caldas de Reis; 7 de Tabeirós; 4 persoas participantes son do Deza; 3 son do Morrazo e 1 do Baixo Miño.

A formación levada a cabo, as orientacións, as visitas a empresas e os trazados dos itinerarios de cada unha das persoas integrantes no programa deron lugar a que se conseguiran un total de 53 insercións, o 49% das persoas participantes.  

Máis Emprego.

COGAMI inicia este programa de emprego no ano 2017 co fin de mellorar a empregabilidade das persoas con discapacidade. Nesta traxectoria, este programa atendeu a día de hoxe a un total de 558 persoas, das que 496 se formaron nalgún dos 37 cursos impartidos.

De todas estas persoas que pasaron polo programa Máis Emprego durante estes seis anos, conseguiron inserirse laboralmente un total de 302 persoas, sendo 149 mulleres e 153 homes, contando cunha porcentaxe de inserción que supera o 54%.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad