Esta familia de 6 membros carecía de posibilidades de acceder a un aluguer pola súa conta
O Goberno local das Neves vén de aprobar a cesión, por razóns excepcionais de carácter humanitario e co informe favorable dos Servizos Sociais do Concello, dunha vivenda de titularidade municipal situada na parroquia de Vide a unha familia sen recursos económicos e que non ten posibilidade algunha de acceder a un alugueiro.
Esta familia está composta por seis membros, dous adultos e catro fillos que vivían, ata hoxe, nunha situación extrema, nunha vivenda sen unas condicións mínimas de salubridade. Así, aínda que sempre tentaron acceder a unha “vivenda normalizada”, non tiveron posibilidade de formalizar un aluguer, posto que o mesmo esixe a presentación de contrato laboral, fianza, seguro ou aval bancario, dos cales esta familia non dispoñen.
Á vista da gravidade destas circunstancias, o Concello estimou a incorporación desta familia ao ‘Programa de Vivenda Baleira’ de xeito que poidan disponer desta casa por un período máximo de 2 anos, facéndose cargo dos gastos de auga, luz, alcantarillado, lixo e o mantemento da mesma; conservándoa en bo estado, ocupándose da súa limpeza e destinala, únicamente, a residencia, onde os Servizos Sociais do Concello farán un seguimento.
Non é a primeira vez que o Goberno local atende a necesidade urxente: hai xusto un ano cedeu, de xeito inmediato, outra casa para unha familia que perdera a súa nun incendio no que, tráxicamente, falecera o pai.
Agora aténdese esta necesidade imperiosa para evitar que estes veciños sigan vivindo en “condicións infrahumanas”.
Este mesmo mércores, o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, e a concelleira de Servizos Sociais, Pilar González Casas, supervisaron o estado da casa antes de entregarlle as chaves á familia. A vivenda está completamente amoblada e dispón de electrodomésticos, calefacción e auga quente.