Sthela Táboas 10/12/2022

Os socialistas critican o retraso dos orzamentos municipais para o 2023 e a escasa planificación en xeral do Nadal no Concello

O PSdeG-PSOE do Porriño lamenta un novo retraso na presentación do borrador dos orzamentos municipais para o 2023 por parte do goberno municipal. Mentres outros concellos da contorna presentaron en prazo e aprobaron os seus orzamentos para o ano seguinte, o alcalde do Porriño segue retrasándose na presentación dos mesmos.

O secretario xeral e voceiro local do PSOE porriñés, David Alonso, destacou que “O Porriño precisa a ferramenta duns orzamentos municipais pronto, pero temos un alcalde e un gobernó que só se preocupa das festas, e cada vez, incluso as organiza peor”.

O exemplo  está no desastre da planificación de Nadal deste ano, á vista está de todos que “estreou o alumeado, sen contratar aínda a decoración, barnizando as casetas na propia praza a venres día 9, cun contrato asinado o 7 de  decembro”. Ademáis “estase a deixar de lado ao comercio tradicional, estase a vestir un Santo para deixar atrás a outro, coma neste caso é o Nadal, cun impacto económicamente moito máis grande tanto para a hostelería como para o comercio por igual. Festas como Porrigalia duran tres días, pero o Nadal máis de un mes, polo que merecen máis atención en canto a súa promoción, máxime nestas datas”. David Alonso puntualiza que “cando o PSOE volte ao goberno, o comercio terá  o seu bono con descontos para incentivar o consumo no Porriño”.

O voceiro socialista anunciou que ante a parálise do goberno local, o PSOE comezará a negociar co resto dos grupos unha proposta para levar ao Pleno da corporación. “Se o alcalde non fai os seus deberes, teremos que tomar dende o Pleno, a responsabilidade de impulsar uns orzamentos.”

O voceiro socialista, David Alonso e o grupo socialista afirmaron hoxe que “existen importantes fontes de financiación e proxectos, como o da eliminación do paso a nivel, que requiren a súa parte de inversión municipa; ou a posta en marcha de varias iniciativas propostas pola corporación ou as posibilidades que podemos ter captando financiación
dos fondos Next Generation para os concellos. Pero ata o de agora, o PP ten gastado a maior parte do aforro neto do Concello (que eran 9 millóns en xaneiro de 2022) pero sen proxecto de goberno”.

Alonso afirmou “Os socialistas deixamos un importante remanente de Tesourería positivo, que se pode adicar a obras ou aquisicións, pero o goberno ten que facer os deberes e presentar un borrador de orzamentos para negociar coa corporación. E a estas alturas, comezaremos o 2023 cun orzamento prorrogado, porque o trámite de aprobación dun orzamento é de 2-3 meses cando menos. O alcalde vai chegar ás eleccions municipais sen presentar e aprobar un só orzamento”.

Para o PSdeG-PSOE do Porriño isto defínese nunha “mala xestión económica e escasa planificación”. Os socialistas preguntarán polo orzamento no vindeiro Pleno, porque “se non temos un borrador de orzamentos neste mes, perderase a oportunidade de facer inversións no 2023.”

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad