Sabela Landín 03/12/2022

COGAMI e o seu movemento asociativo reclaman o compromiso por parte das Administracións para garantir o cumprimento das leis da discapacidade, e a sostibilidade dos apoios ás persoas con discapacidade e ás súas familias.

No Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, COGAMI e as súas 56 entidades membro reclaman dereitos para un grupo social que supón o 9% da poboación española, é dicir, nun de cada cinco fogares reside unha persoa con discapacidade, segundo datos recollidos na enquisa sobre discapacidade, autonomía persoal e situacións de dependencia publicada polo Instituto Nacional de Estadística. Este estudo recolle tamén que Galicia somos a Comunidade coa maior taxa de discapacidade sendo 116 persoas por mil habitantes.

O mes de decembro é o mes da visibilidade da discapacidade, as entidades saen á rúa para que os poderes políticos se impliquen e tomen conciencian de que hai moitas persoas, homes, mulleres, nenas e nenos que, xunto coas propias familias, viven unha vida marcada polo incumprimento dos seus dereitos. Poder elixir como vivir a nosa propia vida de maneira activa, precisa dunha sociedade preparada e exenta de barreiras psicolóxicas, sociais, mentais e físicas.

A desigualdade no exercicio dos dereitos parte do contexto de discriminación estrutural e histórico que se incrementa cando os recursos existentes non alcanzan ás persoas con discapacidade de xeito efectivo, como a raíz das demoras na obtención da valoración do grao de discapacidade, os aprazamentos e retrasos na implementación da accesibilidade universal nos distintos ámbitos, a denegación de axustes razoables, ou na insuficiencia de medios e recursos para garantir unha vida autónoma e en comunidade, entre outros.

A obtención do certificado de discapacidade é necesario para poder optar a recursos, e que as persoas con discapacidade estean en igualdade de condicións. Polo tanto, dende COGAMI reclámaselle á Administración que axilice os procedementos encargados da valoración do grao de discapacidade e, que teña en conta especialmente as necesidades das persoas con discapacidade orgánica, que veñen recollidas no novo baremo de valoración da discapacidade.

Un dos retrasos que máis afecta ás persoas con discapacidade é poder acceder a recursos do catálogo ortoprotésico, e que en Galicia segue sen ser actualizado coas últimas incorporacións de produtos de apoio que están recollidos no Sistema Nacional de Saúde.

A discriminación das persoas con discapacidade segue presente en todos os ámbitos: o educativo, laboral, social, sanitario, xudicial, lexislativo, e un longo etc. A nosa sociedade, o noso país, as nosas parroquias melloraron en moitos aspectos, pero aínda queda moito para poder vivir en igualdade de oportunidades e non discriminación. Como proba están as denuncias de familias cando as súas fillas e fillos están en idade escolar. No noso país, o  sistema educativo é obrigatorio dende os 6 ata os 16 anos, polo tanto, os centros escolares terán que contar cos medios e profesorado de apoio axeitado ás necesidades do seu alumnado con discapacidade. As nenas e nenos con discapacidade teñen o mesmo dereito e obriga de ir á escola que o resto, polo tanto, os centros escolares teñen que adaptarse e subministrarlles os apoios que precisen, dende o transporte escolar ata a accesibilidade nas instalacións, os apoios técnicos e a contratación de persoal de apoio e coidador, segundo as necesidades dos menores, garantindo así unha educación inclusiva, real e efectiva.

As limitacións que existen durante a preparación supoñen máis trabas de cara á inclusión da mocidade con discapacidade que conta con taxas superiores de desemprego ás persoas que non a teñen e, no caso de poder inserirse no mercado laboral, é en postos de baixa cualificación.

Seguimos cos menores, falamos das nenas e nenos que van ser parte do futuro do noso país. En Galicia hai 8.379 menores con discapacidade con idades comprendidas entre os 0 e os 15 anos, o 10% destes con mobilidade reducida. A día de hoxe, estas nenas e nenos viven moitas situacións discriminatorias que vulneran os seus dereitos fundamentais motivadas pola invisibilidade, pola escaseza de apoios que necesitan para a súa autonomía persoal e escolarización, sen esquecer a sobreprotección. A falta de recursos dende o nacemento condiciona o benestar e o exercicio dos dereitos, e esta desigualdade que se orixina na infancia, perpetúase na idade adulta, polo que cómpre garantir o acceso a servizos de atención temperá na contorna e a súa continuidade a partir dos 6 anos.

Así mesmo, é importante que todos os servizos non estean só situados nas cidades porque isto fomenta que a desigualdade se acrecente cando as persoas con discapacidade residen no rural. Necesitamos que os recursos cheguen a todo o territorio, para que as familias non teñan que marchar ás cidades e saír do seu núcleo para acceder aos recursos necesarios.

En Galicia teñen recoñecido o certificado de discapacidade un total de 125.030 mulleres, representando o 51% da poboación total de persoas con discapacidade, das que 2.023 están entre os 6 e os 15 anos. Pese a ser maioritarias, as mulleres con discapacidade enfróntanse a unha discriminación interseccional. É indispensable que todas as medidas e accións dirixidas a erradicar calquera forma de violencia teña en conta ás mulleres e nenas con discapacidade así como a supervisión do seu cumprimento. Para romper esta cadea, cara elas anualmente se dirixen programas de empoderamento e capacitación para que poidan decidir os seus proxectos de vida.

COGAMI e as súas 56 entidades membro traballan polo cumprimento da lexislación, asesorando ás persoas con discapacidade e denunciando cando estes dereitos son vulnerados, como o do acceso ao emprego. Para un colectivo con taxas de paro que dobran á da poboación total, no caso de muller con discapacidade aínda incrementa máis, a inserción laboral sempre foi unha materia pendente. Aínda que mellorou, hai que dicir que o mercado laboral segue a non ser inclusivo para as persoas que teñen discapacidade.

Cada vez son máis as empresas que poñen en valor a inclusión laboral, pero non chegan a abarcar á totalidade. Dende as entidades sociais que representan a persoas con discapacidade, realízanse accións de sensibilización e información orientada ao empresariado. Para unha persoa con discapacidade o traballo é máis que un dereito, supón unha oportunidade encamiñada a unha vida digna e estable, fomentando a súa participación na sociedade, a mellora da autonomía persoal e combater a discriminación pola falta de oportunidades en igualdade de condicións.

Algunha das medidas de inserción que se propoñen á Administración é a reserva por lei de contratos destinados a persoas con discapacidade, a continuación das axudas para a adaptación dos postos e a eliminación de barreiras nos centros de traballo e facer seguimento das empresas que, con 50 ou máis persoas contratadas, non realicen a reserva de emprego a persoas con discapacidade, executando as medidas necesarias para garantir o cumprimento da lei. 

O colectivo da discapacidade, cando tiña cero oportunidades para traballar por conta allea, cando tiña totalmente pechada a porta do emprego, optou como saída a apertura de iniciativas de economía social para crear dentro do propio colectivo oportunidades laborais. Co fin de que estes centros especiais de emprego continúen no tempo, debe existir un compromiso firme na aposta pola economía social, coa adopción de medidas para paliar as consecuencias das crises económicas que nos últimos anos estanos impactando de cheo – a pandemia, a post-pandemia, os combustibles, a guerra de Ucraína –  e favorecer a recuperación tanto a curto como a medio prazo.

Unha sociedade que deseña tendo en conta a accesibilidade universal será unha sociedade que contemple a todas as persoas en calquera que sexa a súa condición. A día de hoxe, existen persoas présas nas súas propias casas porque a comunidade non permite a instalación dun ascensor, polo que é necesario implementar medidas dirixidas á reforma da Lei de Propiedade Horizontal pero tamén impulsar medidas efectivas dirixidas ao financiamento de obras e actuacións para a mellora da accesibilidade que facilite a autonomía e a vida independente. Entendemos fundamental e urxente o desenvolvemento regulamentario da Lei 10/2014, de 3 de decembro, de accesibilidade de Galicia, que constitúe unha peza clave para a aplicación plena de dita norma, tendo en conta a evolución normativa en materia de accesibilidade dos últimos anos. Así mesmo, as administracións deben facer un seguimento do cumprimento da norma en materia de accesibilidade de todas as actuacións urbanísticas, espazos públicos, transportes e/ou servizos que se realicen, con especial incidencia no eido local.

Os proxectos de infraestruturas ou obras de nova construción deben ir acompañadas de estudos previos de accesibilidade e cómpre realizar investimentos na mellora da accesibilidade, actuando de acordo a plans integrais cunha Comisión técnica de accesibilidade como organismo de seguimento da aplicación da lei e que conte coa participación de entidades do movemento asociativo da discapacidade. Necesitamos máis vivendas de protección oficial públicas e estas deben ser accesibles e cunha porcentaxe de reserva a persoas con problemas de mobilidade.

España é un dos países receptores a nivel mundial de turismo e Galicia, é unha das comunidades que está a incrementar número de visitantes cada ano. Se as infraestruturas, servizos, actividades e produtos que se ofrecen son accesibles, posibilítase que a cota de mercado incremente porque se abre a unha clientela potencial e real que son as persoas con discapacidade. O turismo accesible abrangue dende o hotel ata o transporte, o acceso a museos, a areais, a restaurantes, cafeterías ou paseos polos espazos públicos. Promocionar o turismo e o lecer inclusivos beneficia a toda a comunidade, non só ás persoas con discapacidade, tamén ás empresas do sector porque a súa clientela verase incrementada.

É necesario que as administracións se comprometan para que as leis sexan contundentes, para que exista un compromiso por facer inspeccións unidas a un réxime de sancións cando existan infraccións.

As organizacións da discapacidade demostraron ir por diante achegando unha rede de apoios e acompañamento, que dan resposta ás necesidades das persoas con discapacidade, e sen os cales os seus proxectos de vida e a súa participación social non sería posible, polo que reivindicamos unha revisión do modelo de financiamento e respaldo ás entidades que garanta a sostibilidade dos apoios ás persoas con discapacidade e ás súas familias.

Polo tanto, dende COGAMI e o seu movemento asociativo reclamamos que se garantan  mecanismos sólidos e eficaces de vixilancia dos dereitos, para que non sigan producíndose discriminacións por razón de discapacidade.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad