Sabela Landín 26/11/2022

Carlos Font: “Máis que un debate isto foi un “non debate” cun PP que non ten nada que ofrecer; o seu voto negativo foi un voto “fake”, puro “postureo”

César Mosquera “comprende” que o PP teña abordado os Orzamentos “coa vella escola: primeiro votar en contra e logo decidir o porqué”

As Contas, que ascenden a 181,63 millóns de euros, elevan o Plan Concellos ata 44 millóns de euros, cun incremento dun millón que irá aos municipios de menos de 20.000 habitantes

A senda de consolidación e estabilización do persoal da Deputación, emprendida en 2016, beneficiou xa a un total de 690 traballadores e traballadoras

Os Orzamentos da Deputación para 2023, que con 181,63 millóns de euros supoñen as Contas máis expansivas da historia da Administración provincial, xa están en vigor despois de que hoxe foran aprobadas definitivamente polo Pleno provincial cos votos favorables do PSdeG-PSOE e o BNG e a negativa do PP. A oposición, sen embargo, non presentou ningunha proposta en forma de alegación e limitouse a expresar o seu rexeitamento. Con este Orzamento, a Deputación de Pontevedra volve apostar polo financiamento regrado e obxectivo cun Plan Concellos que crece un millón de euros e alcanza os 44 millóns, dedicando a totalidade do incremento a reforzar as achegas aos municipios de menos de 20.000 habitantes para obras, subministracións, servizos e contratación de persoal.

Carlos Font, deputado de Economía e Facenda, subliñou que a Deputación de Pontevedra revalida o liderado en toda España en volume de transferencias aos concellos, cun 33,7% acreditado polos informes do Ministerio de Hacienda. Un apoio económico que é especialmente acusado cos concellos pequenos e medianos e que reforzarase aínda máis en 2023, alcanzando un récord histórico, co obxectivo de axudalos a combater os efectos colaterais da guerra en Ucraína nas finanzas municipais.

O deputado foi moi crítico coa actitude do Partido Popular, que no Pleno de outubro, con motivo da aprobación inicial das Contas, “presentou un traballo escolar moi deficiente, con catro “carillas” a dobre espazo e que chamou, a pesar de que non reunía os mínimos requisitos, emenda á totalidade”. “Agora”, continuou Font, “non presentaron ningunha alegación durante o período de exposición pública”. “Foron incapaces de plasmar ningunha proposta porque non teñen nada que dicir e porque saben perfectamente que esta é unha Deputación transparente que trata a tódolos concellos por igual, goberne quen goberne, en contraste cunha Xunta de Galicia que conxela por enésimo ano consecutivo o Fondo de Cooperación Local”. “Saímos deste Pleno felices por ter aprobado uns Orzamentos 2023 que inclúen recursos para os concellos como nunca e que se reparten de maneira obxectiva para seguir transformando a provincia”. “Percorrer hoxe a provincia é comprobar, metro a metro, as actuacións da Deputación”, afirmou Font. O responsable provincial de Economía e Facenda comprende que o PP “teña que facer equilibrios dialécticos para ocultar que o señor Rueda e o señor Feijoo lles impiden votar a favor cando todos os alcaldes e alcaldesas, sen excepción, están satisfeitos/as”. O deputado concluíu definindo esta sesión plenaria de aprobación definitiva dos Orzamentos provinciais como “un “non debate” cunha oposición, cun PP provincial, que non ten nada de nada que ofrecer porque carece de modelo alternativo”. “O seu non a estes Orzamentos é un voto “fake”, un voto de puro “postureo”, concluíu.

“Máis importantes para os concellos que os da Xunta ou os do Estado”

O vicepresidente provincial, César Mosquera, aplaudiu que a Deputación de Pontevedra volva ser unha das primeiras en España en aprobar definitivamente os seus Orzamentos xerais, “algo que é máis importante incluso que a entrada en vigor dos da Xunta ou do Estado”. Afirmou que os concellos teñen dereito a saber con antelación os recursos que van recibir para poder planificar. “Estes son uns Orzamentos francamente bos, os mellores que se poden facer nas circunstancias que vivimos; con todo comprendo que a vella escola do PP lévelles a votar en contra, esa escola que di que primeiro deciden votar en contra e logo deciden o porqué”.

O Goberno provincial salientou o “orgullo” por sacar adiante os oitavos Orzamentos provinciais en tempo e forma. Carlos Font calculou nun total de 69 millóns de euros o volume total de recursos que repercutirán directamente sobre os municipios, produto da suma dos 44 millóns de euros do Plan Concellos e os case 25 millóns que chegarán a través das iniciativas e programas dos distintos servizos provinciais. Ademais, a Deputación está traballando xa para captar ata 28,9 millóns de fondos europeos Next Generation ao longo do próximo ano, “polo que as cifras finais de transferencias e recursos que acabarán incidindo directamente sobre os concellos, se disparará”. Font concluíu que estamos diante dos Orzamentos que cabía agardar dunha Deputación por e para os concellos da provincia, pero tamén con políticas propias en Igualdade, en Sostibilidade, en Recuperación do espazo público e mobilidade integral, en Deporte para todos e todas, en Turismo intelixente, en promoción do emprego, en impulso ás novas tecnoloxías nas pemes e nos propios concellos, en cohesión social e en “democratización” da cultura.

.

Aprobación da Relación de Postos de Traballo que continúa a senda de estabilización

Diante da renuncia da oposición provincial a presentar alegacións ao Orzamento, Carlos Font destacou que a resolución das alegacións presentadas polos sindicatos á Relación de Postos de Traballo debateuse “punto por punto e posto por posto” nunha mesa xeral de negociación extraordinaria celebrada o pasado luns, día 21.

Remarcou o compromiso do Goberno provincial na senda de consolidación e estabilización emprendida en 2016. Froito disto son as 690 persoas que neste tempo viron melloradas as súas condicións de servizo na Deputación, o que supón practicamente o 50% do total do cadro de persoal provincial. Un balance que resulta da redución ao mínimo dos contratos temporais e da eliminación sistemática da precariedade e das situacións inxustas en que se atopaba o persoal durante os anteriores gobernos do PP, así como do reforzo do persoal técnico, “que estaba nunha situación deficitaria e incomprensible”. Entre 2016 e 2021 ofertáronse 519 prazas entre quenda libre, promoción interna e procesos de estabilización, ás que hai que engadir outras 97 prazas ofertadas ao longo deste 2022 e os/as 74 traballadores/as laborais que poderán optar a “funcionarizar” os seus postos no marco dos acordos alcanzados cos sindicatos. O deputado de Persoal explicou que mesmo foi preciso solucionar “casos herdados” con ata 15 anos de relación laboral en precario. Tamén sinalou que hai reclamacións sindicais que se terán en conta no futuro inmediato para dar continuidade a un modelo de política do persoal que permita seguir avanzando.

Deja un comentario.

Tu dirección de correo electrónico no será visible. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable Sthela María Táboas González.
  • Finalidad  Moderar los comentarios. Responder las consultas.
  • Legitimación Tu consentimiento.
  • Destinatarios  Sthela María Táboas González.
  • Derechos Acceder, rectificar y suprimir los datos.
  • Información Adicional Puedes consultar la información detallada en la Política de Privacidad.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad