O importe da axuda depende do grao de eficiencia enerxética acadado coa actuación de rehabilitación que se execute, podendo ser do 40, do 65 ou do 80% do orzamento investido
A Xunta de Galicia, a través do IGVS comunicou aos concellos a proposta provisional de reparto, dos 33 M€ que prevé repartir entre os 29 concellos que solicitaron fondos do programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio, do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado con fondos europeos.
Ao Concello do Porriño inicialmente corresponderíalle 1 M€, para as actuacións da zona declarada ERRP en Torneiros, que abrangue unha superficie total de 124.560 m2 incluindo 50 bloques de edificios -15 na Fase I, 7 na Fase II, 23 na Fase III, 4 na Fase IV e 1 na Fase V- e os viais e zonas libres que os rodean.
Unha vez comunicada aos Concellos a proposta provisional de reparto, así como o requirimento da documentación adicional necesaria que deberán presentar no prazo de 15 días e unha vez completados os trámites, concretarase novamente a distribución definitiva de fondos da Unión Europea-NextGenerationEU, para optar a axudas para mellorar enerxéticamente inmobles, edificios ou vivendas unifamiliares, sobre todo envolventes (fachadas, cuberta…), cambio de fiestras ou retirada de elementos con amianto.
As subvencións previstas neste programa van destinadas a inmobles nos que, polo menos, o 50% da superficie construída sobre rasante teña un uso residencial de vivenda, excluíndo a planta baixa e outra plantas inferiores que alberguen outros usos compatible.
O importe da axuda depende do grao de eficiencia enerxética conseguido coa actuación de rehabilitación que se execute, e pode ser do 40, do 65 ou do 80% do orzamento protexible, acadando un máximo de 29.425 € por vivenda; en todo caso, a axuda poderá acadar o 100% do investimento realizado, excluídos impostos, cando se identifiquen situacións de vulnerabilidade económica nalgún dos propietarios da vivenda.
Ademais, poderá concederse unha axuda adicional de ata 12.000 € no caso de que sexa necesario retirar elementos con amianto.
Os propios concellos tamén poderán beneficiarse dos incentivos previstos neste programa para obras de urbanización, reurbanización ou mellora do entorno físico. O importe da axuda ao concello será dun 15% adicional sobre as contías máximas da axuda por vivenda. Ademais, recibirán 800 € por vivenda rehabilitada para financiar a oficina municipal de rehabilitación.