No campo de fútbol de Chenlo e a súa contorna celebrarase esta proba o sábado 26 de novembro a partir das 13.00 h
O ciclocrós galego, da man da Asociación Deportiva Avanza Porriño, chega ao campo de fútbol de Chenlo coa V Edición do Trofeo Ciclocrós Avanza Concello do Porriño, organizado polo club porriñés e co Concello do Porriño como principal patrocinador.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, presentaron onte pola mañá o evento deportivo acompañados polo presidente da A.D. Avanza, David García; o secretario e a tesoureira da entidade, Jesús Ángel Mira e Lourdes Figueroa; e o seleccionador, José Alberto del Río, representando á Federación Galega de Ciclismo.
As participantes rodarán nun circuito de 2,9 km no campo de fútbol de Chenlo e a súa contorna, sendo esta proba a sétima puntuable para a Copa de Galicia. As carreiras comezarán ás 13.00 h coa proba de promoción, non competitiva, na que participarán ciclistas de 12 a 13 anos.
De seguido rodarán as 15 categorías ao longo dunha xornada na que concurrirán figuras locais do ciclismo, como Uxía Soto, Aroa Otero, Laura Mira e Marta Estévez, da canteira do Avanza e actualmente no GD Supermercados Froiz xunto ao líder da Copa Junior, André Martínez; ou referentes do ciclocrós galego, como Irene Trabazo ou Lorena Patiño, do XSM Marín.