Será en favor de SOS Tomiño Baixo Miño o vindeiro sábado día 10 de decembro no Teatro Municipal de Tui, ás 18.00 h
O Concello de Tui acolleu hoxe a presentación do concerto solidario organizado pola Agrupación de Protección Civil de Tui en favor da Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño, que conta coa colaboración do Concello e da Deputación de Pontevedra.
Na presentación participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, o presidente da Agrupación de Protección Civil de Tui, Juan González, e os directores de SOS Tomiño Baixo Miño, José Quinteiro e José Gómez, amais de outros representantes políticos, concelleiros e membros da Agrupación de Protección Civil de Tui.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, quixo recoñecer a organización desta segunda edición dun concerto “cun fin altruísta e solidario como é recoller alimentos para a Asociación SOS Tomiño Baixo Miño”.
José Ramón Magán, o concelleiro de Seguridade, quixo tamén ampliar o agradecemento á Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño polo “seu labor ao longo de todo o ano coas familias máis necesitadas”, así como aclarar o carácter altruísta do traballo da Agrupación de Protección Civil de Tui.
Pola súa banda, Juan González, presidente da Agrupación de Protección Civil de Tui explicou que o proceder será o mesmo que na edición anterior. Percorrerán establecementos de Tui para conseguir máis colaboración coa causa porque “queda máis dun mes para chegar ao maior número de donacións posibles”.
José Quinteiro, como director da Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño, declarou na presentación do concerto que “é toda unha satisfacción e un orgullo ver este apoio” e, sobre todo, o voluntario aclarou que “estamos nunha situación moi complicada, pero é o momento necesario para axudar ás familias”. O evento será o vindeiro sábado día 10 de decembro ás 18:00 h, e para acceder será necesario entregar 1 kg de alimentos que se destinará á asociación SOS Tomiño Baixo Miño. O concerto contará coas actuacións da Agrupación Musical de Goián, da Banda de Música Popular de Tui, e dos cantantes porriñeses Iker Faure e Noemí.