Será os días 3 e 4 e participarán máis de 1.500 alumn@s en Caldelas, nunha proba organizada pola Agrupación Deportiva do Baixo Miño coa colaboración do Concello, a Xunta e a Comunidade de Montes de Caldelas
O Concello de Tui volve a acoller o Cross Escolar Baixo Miño, un evento de campo a través que se celebrará na Ribeira de Caldelas o xoves 3 e o venres 4 de novembro, logo de ter que ser adiada polas previsións meteorolóxicas. Trátase dun evento organizado pola Agrupación Deportiva do Baixo Miño –AGRUDEBAM-, en colaboración co Concello tudense, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Comunidade de Montes de Caldelas.
Máis de 1.500 nen@s de 2º, 3º, 4º e 5º de primaria e de 1º e 2º da ESO participarán neste evento, que terá lugar en horario lectivo. Contará coa participación de 18 colexios da zona: CEIP Nº1 e Nº2, CEIP Rebordáns, CEIP Guillarei, CEIP Pazos de Reis, CEIP de Randufe, Colexio Maristas,IES Indalecio Pérez Tizón e IES San Paio de Tui; CEIP de Tebra, CEIP de Sobrada, CEIP Pedro Caselles, CEIP de Barrantes e ANPA Pintor Antonio Fernández de Goián por parte do concello de Tomiño; CPI Suárez Marquier do Rosal; CEP Altamira e IES Pedra Rubias de Salceda; e o CEP Neira Vilas de Gondomar.
A proba conta este ano con varias novidades e alicientes para os participantes. As carreiras organizaranse por cursos e competirán clases enteiras coma equipos. As marcas serán individualizadas e cronometradas, coas que se clasificarán os mellores tempos nas dúas series tanto na modalidade masculina coma feminina. Deste xeito, este Cross Escolar Baixo Miño permitirá a clasificación para outras dúas probas de campo a través de carácter provincial: unha delas será por aulas e en horario lectivo e participará a mellor aula desta proba en Tui, e outra será unha proba individual en horario de fin de semana á que acudirán os mellores rexistros persoais.
Na presentación da proba, que tivo lugar hoxe na Casa do Concello de Tui, estiveron presentes o alcalde, Enrique Cabaleiro; o xefe de servizo de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; os concelleiros de Deportes e Ensino e Cultura, Rafael Estévez e Sonsoles Vicente, o presidente de AGRUDEBAM, Alfonso Lorenzo, e o presidente da Comunidade de Montes de Caldelas, Pablo Rebellado.
O rexedor tudense, Enrique Cabaleiro, quixo destacar o orgullo por acoller esta proba nun lugar “emblemático como é Caldelas, onde se dan o espazo, as condicións e o valor patrimonial” para acoller esta clase de eventos. Enrique Cabaleiro agradeceu a todos os organismos implicados o traballo e a colaboración, tamén por fomentar o deporte como actividade de desenvolvemento nas etapas de crecementos dos cativos, e tendeu a man para organizar toda clase de probas deportivas en Tui.
Por parte da Xunta de Galicia, Daniel Benavides quixo salientar o compromiso do organismo autonómico en pro do deporte, traballo que se ve recompensado con “datos espectaculares de máis do 90% de participación”. Salientou o gran traballo do profesorado implicado, de AGRUDEBAM e tamén da Comunidade de Montes de Caldelas e o Concello de Tui por dotar dos mellores espazos para a celebración deste cross.
Na mesma liña expresouse Rafael Estévez, concelleiro de Deportes, que tamén destacou o amplo dispositivo loxístico para acoller ao gran número de participantes.
Dende a organización, Alfonso Lorenzo detallou polo miúdo todas as características da proba. Destacou que se optou por organizala en horario lectivo para implicar ao máximo número de alumnado e que detrás hai horas de traballo dende AGRUDEBAM e os profesores e profesoras que, a título persoal, “dedicaron horas de preparación dos dorsais, organización e planificación”. Pablo Rebellado, por parte da Comunidade de Montes de Caldelas, salientou a grande ledicia que supón mobilizar a máis de 1.500 persoas ata Caldelas, co que iso conleva, e cos recordos que os nenos e nenas xerarán na parroquia tudense.