Dende comezos deste mes a Biblioteca Municipal de Tui desenvolve un amplo programa de actividades entre os que se atopan estas visitas culturais, que no propio día contou con 80 alumnos
Con motivo do Día da Biblioteca, celebrado o luns 24 de outubro, a Biblioteca Municipal de Tui recibe estes días unha serie de visitas de grupos escolares para coñecer as súas instalacións e servizos.
Ao longo desta semana un total de nove grupos, do Colexio Maristas Santa María de Tui, visitan a Biblioteca tudense para achegarse ao funcionamento deste centro bibliotecario, á vez que coñecen os seus recursos tanto de acceso á cultura, como á información.
O luns foron máis de 80 alumnos dos cursos superiores deste centro educativo os que participaron nestas xornadas de portas abertas da Biblioteca tudense. O persoal bibliotecario acompaña aos escolares na súa visita polas instalacións do centro, para coñecer as súas diversas seccións e o sistema de préstamo de libros, de cara á difusión dos seus usos entre os escolares.
O 24 de outubro celébrase en España o Día da Biblioteca, que este ano contou cun cartel da ilustradora galega Xulia Vicente baixo o lema “BiblioTEcuida”, centrado en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos, se preocupan por atender as necesidades dos seus usuarios.
As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e os seus servizos son un piar fundamental para as comunidades ás que pertencen.