De xaneiro a setembro de 2022 concedéronse 119 licenzas máis que no mesmo período do ano pasado. Duplicáronse as licenzas de primeira ocupación e, entre elas, as de vivenda unifamiliar creceron un 183%.
O departamento municipal de Urbanismo vén de elaborar e emitir un informe do balance de licenzas tramitadas e concedidas nos primeiros 9 meses deste ano. De xaneiro a setembro de 2022 aumentáronse nun 55,6% as licenzas concedidas, pasando de 214 no mesmo período do ano pasado a 333 no actual (119 licenzas máis en 2022 que en 2021).
Entre elas destacan as licenzas de obra maior e as de primeira ocupación. No caso das licencias de obra maior o total delas ascendeu de 89 en 2021 a 113 en 2022, o que supón un crecemento porcentual do 27%. Entre as licenzas de obra maior as que máis creceron foron as de muro de contención (14 en 2021 e 22 en 2022) e as de acondicionamento de parcelas e canalizacións (24 en 2021 e 46 en 2022); en ambos casos prácticamente duplicáronse as cifras.
Por outra banda, as licenzas de primeira ocupación duplicáronse nos primeiros 9 meses de 2022 con respecto aos primeiros 9 meses de 2021, pasando de 12 o ano pasado a 22 entre xaneiro e setembro deste ano. Dentro das primeiras ocupacións, as que máis se incrementaron foron as de vivenda unifamiliar, cun crecemento do 183%, pasando de 6 a 17.
Tamén aumentou o número de licenzas de actividade, comunicación previa e declaración responsable en Mos, que creceu un 27,7%; pasando de 54 en 2021 a 69 en 2022. Entre elas as comunicacións previas pasaron de 46 a 53 e as licenzas de furanchos de 6 a 16.
As licenzas de obra menor incrementáronse un 4,6% sendo un total de 113 de xaneiro a setembro de 2022 e 108 no mesmo período do ano pasado. Entre as obras menores que máis creceron atópanse as de cambio de tella, que en 2022 foron 46, fronte ás 31 de 2021; e as de muro de peche, que en 2022 foron 31, fronte ás 27 de 2021.
As licenzas de taxi pasaron de 3 en 2021 a 5 en 2022 e os vados de 2 en 2021 a 11 en 2022 (un crecemeto dun 450%).
Na categoría de “outros expedientes tramitados”, destaca o dato das devolucións de aval, xa que de xaneiro a setembro de 2022 concedéronse 16 máis que no mesmo período do ano pasado. Pasando de 4 en 2021 a 20 en 2022. O que supón un aumento do 400%.
Por último, apuntar que o número total de asuntos de Xunta de Goberno Local de Urbanismo e Medio Ambiente de xaneiro a setembro de 2022 foron 447, fronte aos 345 do mesmo período do ano anterior. 102 asuntos máis tratados en Xunta de Goberno, que supón unha suba porcentual do 29,5%.
Neste senso facían balance hoxe a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Urbanismo, José Areal, quenes salientaron especialmente o incrementos nas licenzas concedidas de primeira ocupación de vivenda unifamiliar, que aumentou un 183% respecto do ano anterior. Cómpre destacar que continúa a progresión á alza tamén nas licenzas de obra maior.
Tras a aprobación en 2017 do Plan Xeral de Ordenación Municipal, o balance urbanístico anual do Concello de Mos reflicte unha evolución moi positiva. A lectura deste último informe tradúcese en que Mos se consolida como unha localidade que particulares e empresas elixen para residir e asentarse, de ahí o gran incremento experimentado na concesión de licenzas de primeira ocupación de vivenda unifamiliar e de obra maior.
Nidia Arévalo e José Areal consideran “máis que positivo este balance que foi en gran parte grazas ao pulo que supuxo a implantación do Plan Xeral, pero ademais da implantación do PXOM mosense, aprobado definitivamente en xaneiro de 2017, estas cifras veñen tamén derivadas do crecemento do Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña, que se atopa case en plena ocupación, o que fai que Mos leve experimentando nos últimos anos un aumento importantísimo das licenzas urbanísticas concedidas”. O balance urbanístico de xaneiro a setembro de 2022 demostra, unha vez máis, que o de Mos é un Concello ideal tanto para vivir como para desenvolver unha actividade empresarial e/ou industrial.
Destes datos conclúese que “a existencia e implantación dun PXOM está animando aos particulares e ás empresas a establecer ou consolidar a súa residencia ou negocio, respectivamente, en Mos; e que a localidade mosense está a ser percibida e considerada como un bo municipio para vivir e crecer empresarialmente”, explican Arévalo e Areal.