A presidenta da Deputación manifestou “Queremos que outros lugares se animen a crear escolas de letras para construír sociedades mellores, porque quen lee e escribe está máis comprometid@ co tempo e espazo no que vive, coa cultura na que se desenvolve e coa lingua na que se expresa”
Ante un ateigado auditorio que encheu o espazo habilitado no standD4 da septuaxésimo cuarta edición da Feira Internacional do Libro de Frankfurt, a presidenta da Deputación Carmela Silva, presentou a Escola de Letras xunto ao seu director e tamén da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e a profesora e integrante do seu claustro, Inma López Silva. Tanto Silva, como Castro e López fixeron fincapé na aposta decidida pola escritura e polo acceso á formación cultural a través da Escola de Letras, unha “extraordinaria idea” que dende o 2020 lanzaron a Deputación de Pontevedra e Galaxia e que, cada ano, atrae a un número maior de “persoas que teñen o desexo de contar as súas historias”. Tamén amosaron a vontade de internacionalizar e espallar a idea “por todo o mundo”.
“Non queremos –explicou Carmela Silva- que a Escola se quede soamente na provincia de Pontevedra, en Galicia ou no estado Español, queremos espallala para que outros moitos lugares do mundo se animen a crear escolas de letras onde se conten e escriban historias e onde se constrúan sociedades mellores, porque quen escribe e le está máis comprometido/a co tempo e espazo no que vive, coa cultura na que se desenvolve, coa lingua na que se expresa e constrúese mellor pensamento, nestes momentos máis necesario que nunca”. A presidenta aproveitou a ocasión para recordar o xerme da “extraordinaria idea” da Escola de Letras, “no bar Eligio, un espazo que respira amor pola cultura e rodeado de maxia”, asentado na idea de achegar “á cidadanía as letras”. “Buscamos ser felices e crear felicidade e consideramos que non nada máis marabilloso que poder contar” – detallou- e facelo “da man desta Escola de Letras e de escritoras e escritores, algún deles Premio Nacional de Literatura é marabilloso”. O resultado –asegurou-“está sendo todo un éxito, estamos a cumprir un soño, e vémolo porque cada ano as prazas que ofertamos esgótanse antes”.
Pola súa banda o director da Escola e da Editorial Galaxia, Francisco Castro, remarcou que “a Escola de Letras é un acto de amor pola literatura que parte da idea de que todo o mundo pode aprender a escribir literariamente”. Explicou que non se trata dun espazo educativo, “aínda que tamén”, senón dunha “iniciativa pedagóxica, dun lugar onde as persoas aprenden as técnicas para escribir un relato, enfrontarse a unha novela ou un poema”. Insistiu ao igual que a presidenta, na importante traxectoria do claustro docente e detallou o perfil do alumnado, “mulleres e homes que soñan con ser escritoras e escritores, ás/aos que lle gusta o exercicio literario, amantes da letra escrita que queren aprender un pouco máis. Trátase dun exercicio democrático de creación, sen requisitos máis que ser rápidas/os en anotarse. Calquera persoa que ame a literatura pode formar parte da Escola de Letras”. Tamén informou que dúas participantes da Escola teñen xa publicado libros individuais en Galaxia e “temos perdido a conta daquelas persoas premiadas en concursos literario”. Finalmente remarcou que a Escola pecha o ciclo coa publicación do libro “Tes cinco minutos”, cuxo terceiro exemplar está xa en marcha, que recolle textos do alumnado participante.
A escritora e profesora da Escola de Letras InmaLópez Silva subliñou o “pracer e honra” de ser integrante do seu equipo docente pola “liberdade de ensinar fóra do espazo formal, das avaliacións, da burocracia administrativa, dando renda solta ao pracer de aprender creando”. Fixo fincapé tamén na experiencia e contacto co alumnado destacando que “como profesora o que máis me satisfai é ver que a nosa propia experiencia serve de exemplo para algo bo, para aportar ás escritoras e escritoras que veñen. Máis alá disto, compráceme o momento de comuñón e pracer que se xera nas clases da man da literatura”.
A Deputación de Pontevedra e editorial Galaxia puxeron en marcha no 2020 a Escola de Letras, baixo a dirección de Francisco Castro, sendo pioneira en Galicia e unha das escasas a nivel estatal. A iniciativa arrancou co obxectivo de fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega, a través dun abano de obradoiros que abarcan a novela, o relato ou a poesía, para todos os públicos. Neste 2022 ofertou obradoiros a cargo de Inma López Silva, García Teijeiro, Diego Giráldez, Anna R. Figueiredo e Elvira Ribeiro.
Coa presentación da “Escola de Letras” desta mañá na Feira do Libro de Frankfurt a presidenta Carmela Silva pecha a súa axenda na cidade alemá, onde compartiu encontros co ministro de Cultura, Miquel Iceta; coa directora xeral do Libro e Fomento da Lectura, María José Gálvez; e coa Asociación de editores e editoras galegas, que este ano presentaron a súa oferta no stand da Federación de editores de España, así como con escritoras e escritores galegas/os presentes na feira ademais de outros como Antonio Muñoz Molina ou Luis García Montero.