Sthela Táboas 19/10/2022

Dende a Deputación de Pontevedra expoñen que  “se lles parecen poucos os 44 M€ do Plan Concellos, que teñen que dicir dos 4,7 M€ da Deputación de Ourense ou da conxelación do Fondo Local da Xunta?”

A Deputación xestiona outros 36 M€ en fondos ‘NextGeneration’ diante da Unión Europea que beneficiarán aos concellos a medida en que vaian concretándose

A “Emenda á totalidade” aos Orzamentos de 2023 presentada polo grupo do Partido Popular merece o cualificativo de “grotesca” para o Goberno provincial. O deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, así o valora despois de examinar “os catro folios a dobre espazo e corpo 16 repletos de  erratas cos que finxen emendar o milleiro de páxinas dos Orzamentos”. Font lémbralle aos populares que unha emenda á totalidade consiste nun proxecto orzamentario alternativo “serio e rigoroso e non en pasar a limpo uns apuntes apresurados e premer o botón de imprimir”.

O deputado non sae do seu asombro de que se critique á Deputación de Pontevedra polas transferencias aos concellos, cando os datos anuais que publica o Ministerio de Hacienda sitúana como a que maior porcentaxe dos seus recursos totais transfire, cun 33,77%. Unha cifra que contrasta co 0,03% da Deputación de Ourense, que representa o modelo de xestión provincial do Partido Popular. Font destaca que a Deputación de Pontevedra transfire, tan só no seu plan de Cooperación (Plan Concellos) un total de 44 M€ de euros, cifra que en Ourense queda en só 4,7 M€. Ademais Font cualificou como “moi reprochable” que o PP se permita dicir que o incremento anual do Plan Concellos, cun millón de euros adicional sobre o anterior, é “unha pedrea”. “Non sería máis xusto dicir que aos concellos desta provincia toucoulles o Gordo en 2016 cando naceu o Plan Concellos? Coñezo a moitos alcaldes e alcaldesas de Ourense que, se puideran, pedirían o “traslado” á provincia de Pontevedra, porque alí reciben só 51.000 € lineais”.

Carlos Font considera como “un erro de vulto” os cálculos do PP sobre unha suposta redución nas transferencias aos concellos. Confunden, explica, as transferencias finais (que son as que se reflicten na execución orzamentaria), cunha bolsa de crédito de 3 millóns de euros deseñada como unha previsión no Orzamento vixente para cofinanciar proxectos europeos. Nestes momentos, engade o deputado, a Deputación xa ten concedidos 7,1 M€ de fondos NextGeneration e ten presentado proxectos para a provincia valorados noutros 28,9 M€. Este inxente volume de recursos, que totaliza 36 millóns de euros, irase incorporando vía modificación de crédito ao Orzamento de 2023 na medida en que se vaian concretando dende a Unión Europea, polo que as transferencias finais aos concellos non só non se reducirán, como di o PP, senón que se incrementarán moi substancialmente. “Os concellos sábeno ben porque están traballando con nós neses proxectos europeos”.

Ademais, o deputado subliña que se o financiamento local se resinte no actual contexto de escalada de custos dos subministros e da enerxía deberían buscarse solucións na Xunta de Galicia, que un ano máis conxela o Fondo de Cooperación Local básico, ou sexa a única achega regrada que o Goberno galego fai aos concellos en cumprimento da súa obriga constitucional. Os Orzamentos autonómicos para 2023 volven incluír a xa tradicional partida de 112,9 millóns de euros para repartir entre os 313 concellos galegos. Nin un céntimo máis dende hai máis dunha década, a pesar da inflación acumulada. Tamén recalca Font “a cara dura” de criticar os gastos en publicidade da Deputación de Pontevedra cando a Xunta de Galicia “despilfarra grandes cantidades en propaganda de clara intencionalidade partidista”.

Finalmente, o deputado de Economía e Facenda recoméndalle ao PP que aprenda a ler os Orzamentos provinciais para 2023, que fuxa dos eslogans (os mesmos dos anos anteriores) e que aborde o evidente problema do financiamento local cunha perspectiva realista “porque todo o mundo sabe que os concellos se financian cos tributos propios, coas achegas do Estado, da Xunta e da Deputación e en todo ese “mix” o que falla unha e outra vez é a Xunta”. “Se algunha Administración merece o epíteto de “anticoncellos” é a que conxela os fondos  municipais regrados e berra día si e día tamén con aqueles concellos que non son da súa cor política”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad