A formación local Movemento Salceda organiza unha andaina familiar cinco anos despois daquela terrible noite de outubro na que arderon 9.100.000 m2 de superficie
Movemento Salceda ven de anunciar a denominada “Andaina da esperanza”, que lembrará os terribes incendios do 15 e 16 de outubro de 2017 cinco anos despois. A cita será o vindeiro sábado 22 de outubro, con saída ás 10 da mañá dende o Centro Cultural O Coto de Budiño, e conta coa colaboración das diferentes comunidades de montes veciñais en man común do Concello de Salceda. O percorrido, duns 6 km de lonxitude, acollerá tamén unha pequena plantación de árbores autóctonas, como símbolo desa esperanza cinco anos despois dunha noite que ninguén quixese lembrar. Para participar na actividade é preciso inscribirse a través de whatssapp nos números 699606562 e 608271716, ou a través de correo electrónico en movementosalceda@gmail.com.
Salceda foi un dos Concellos nos que os lumes de 2017 tiveron unha grande repercusión, con 910 hectáreas queimadas (9.100.000 m2), 567 de monte comunal, o que supuxo o 25,52% da superficie total do Concello, e con comunidades de montes veciñais como a da parroquia da Picoña que perdeu máis do 90% da súa masa forestal. Seis das sete comunidades de montes foron afectadas polos lumes, salvándose unicamente os montes da parroquia de Entenza. O movemento veciñal foi fundamental tanto para conseguir dar por extinguidos os lumes como posteriormente nas tarefas de recuperación do monte, para o que máis de 80 persoas voluntarias deitaron 15 toneladas de palla nas superficies queimadas.
Movemento Salceda quere lembrar o acontecido cinco anos despois, recoñecendo unha vez máis o traballo impagable de cantas persoas saíron a botar unha man na noite do 15 de outubro de 2017, así como a actuación de Protección Civil, Policía Local, Guardia Civil e demais forzas e corpos de seguridade que se volcaron para que os danos fosen os menores posibles.
A voceira de Movemento Salceda, Loli Castiñeira, indicou que “non podemos esquecer o que pasou aquela noite tan difícil no noso Concello. Con este acto queremos quedarnos co positivo, coa esperanza de que non volten producirse este tipo de incidentes, coa esperanza de que aos nosos montes lles agarda un futuro prometedor e coa esperanza de que a veciñanza de Salceda seguirá a ser exemplo de solidariedade e de que sempre está onde se lle precisa. Será un día alegre, un día de convivencia no que están convidadas tódalas persoas que desexen asistir a pasar esta fermosa mañá de convivencia e natureza”.