Sthela Táboas 14/10/2022

Carmela Silva explicou ao detalle os 13,5 millóns de euros investidos pola Deputación no Porriño dende 2016 e amósase “moi sorprendida” ao ser informada de que a Xunta tan só executou 8,5 millóns en obras dende 2009 ata a actualidade “absolutamente todo o que anuncia a máquina de propaganda da Xunta en O Porriño son cousas que tiñan que estar feitas hai anos e que ademais fináncianse con fondos do Goberno de España”

Onte á tarde a presidenta da Deputación e do PSdeG-PSOE, Carmela Silva, mantivo unha xuntanza de traballo coa agrupación socialista de O Porriño na que se analizou o modelo de colaboración estable da Deputación, que xa se traduciu nun investimento acumulado de 13,5 millóns de euros neste concello dende 2016. “Un modelo regrado”, explicou, “dunha Administración provincial que traballa para tódolos concellos que contrasta cunha Xunta caciquil que goberna só para algúns concellos, os que teñen Alcaldía do PP e que, ademais, se colga a medalla con descaro e deslealdade institucional das obras que financian os fondos que envía o Goberno de España”.

A presidenta amosouse “moi sorprendida” ao coñecer os datos d@s socialistas de O Porriño que apuntan a que a Xunta tan só executou 8,5 millóns de euros dende 2009, unha cifra que quedaría reducida á metade se non se toma en conta a ampliación do Centro de Saúde, que vén de comezar. O secretario xeral local, David Alonso Bargiela, destacou que ademais, esta obra adxudicada en 4,3 millóns de euros, finánciase cos fondos extraordinarios Covid que enviou o Goberno de España a Galicia “polo que se examinamos o que fixo a Xunta con fondos propios é para botarse a chorar”.

Carmela Silva afirmou que “hai unha Deputación que inviste no Porriño unha media de 2 millóns de euros anuais, asignándoos cos mesmos criterios que ao resto dos concellos da provincia, e hai unha Xunta que só investiu no Porriño unha media de 600.000 € ao ano e que agora, quere vender fume electoral. Pero a xente debe saber que todo o que se anuncia agora dende a máquina de propaganda da Xunta, son cousas que tiñan que estar feitas hai moito tempo e que, ademais, fináncianse con fondos estatais. As previsións reais da Xunta, con fondos propios, para O Porriño son unha cifra moi redonda, porque parécense moito ao cero”.

61 obras feitas e 240 traballadores contratados con fondos provinciais

Carmela Silva subliñou que a diferencia “entre un bo goberno e outro inexistente” demóstrase coas cifras e cos nomes e apelidos das obras e actuacións que cada goberno impulsa. Así, durante a xuntanza coa agrupación socialista porriñesa deu conta detallada dos 13,5 millóns de euros “contantes e soantes” achegados pola Deputación nestes últimos 7 anos. Deles, uns 10 millóns correspóndese ás anualidades regradas do Plan Concellos, que fixeron posible xa a execución de 61 obras, entre elas a urbanización das rúas Manuel Rodríguez e Aloques, decenas de actividades sociais e a contratación temporal de 240 traballadoras/es. O Porriño recibe este ano ata 1.751.840 euros do Plan Concellos cos que vai acometer o saneamento de A Droza, Covelo, Mosteiro, rúa Lugo e o Camiño do Cristo da Pereira, entre outros lugares, ademais de asfaltar en Vitureira e Dorna (Budiño), Relva (Torneiros), Vilafría, Louriña-Cadaval (Mosende), Centeáns-Morzón e Ribeira-Noval, no tramo de Miraflor (tamén en Torneiros).

A presidenta recordou que O Porriño acometeu tamén a mellora do campo de fútbol do Carballo, a construción do Módulo de Atletismo e a mellora da seguridade viaria na rúa de Doantes de Sangue coas achegas, tamén regradas, dos plans extraordinarios PICEI, Reequilibrio e DepoRemse.

Ademais, no Porriño investíronse 1,3 millóns de euros en melloras das estradas provinciais EP-2401, EP-2403 e EP-2405, incluíndo a construción de 20 pasos de peóns sobreelevados, 6 redutores de velocidade e o financiamento do Plan de Mobilidade (PMUS). No seu repaso, a presidenta tamén aludiu aos centos de actividades culturais financiadas, incluíndo a propia creación do servizo de Normalización Lingüistica municipal, o financiamento aos Servizos Sociais municipais, as axudas de emerxencia e a teleasistencia (competencias autonómicas), as subvencións a clubs e deportistas individuais, os programas de formación laboral provinciais, as axudas de Igualdade, o plan Revitaliza, o apoio turístico ou o despregue da Administración electrónica e o padrón eléctrónico, así como a apertura da oficina de SmartPeme que asesorou xa a 97 empresas de O Porriño, todo elo por un importe superior aos 96.000 €.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad