Sabela Landín 07/10/2022

Gonçalves denuncia que un traballador/a galego/a ten o dobre de posibilidades de falecer en sinistro laboral ca un do resto do Estado.

O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, lamenta a nova morte en accidente laboral que tivo lugar no día de onte no Porriño, no que perdeu a vida un operario de 39 anos. Para o responsábel sindical trátase dun feito “triste e moi grave que serve de evidencia do alcance brutal que a sinistralidade laboral ten en Galiza e que se fai notar con dureza na nosa comarca”, polo que demanda medidas concretas e urxentes para facerlle fronte, tendo en conta que “unha persoa traballadora galega ten o dobre de posibilidades de morrer nun accidente laboral ca unha do resto do Estado español”.

Gonçalves lembra que só no primeiro semestre deste ano 2022 perderon a vida no traballo 45 persoas. “Trátase da cifra máis dura dunha realidade inaceptábel, xa que en apenas os seis primeiros meses deste ano rexistráronse case 14 mil accidentes laborais, un 25% máis que no ano anterior”. Considera que o que está a acontecer responde a un gravísimo problema estrutural que está claramente relacionado coa ausencia dunhas políticas públicas efectivas en materia de prevención de riscos e de inspección laboral.

“A inoperancia da Xunta do Partido Popular nesta cuestión supón en si mesma un grave risco para a saúde e a vida das persoas traballadoras, polo que dende a CIG temos esixímoslle ao Goberno galego que poña en marcha de xeito urxente medidas concretas, como avanzar cara a un marco galego de relación laborais e de políticas de saúde e seguridade no traballo, facilitando os recursos económicos, técnicos e humanos necesarios para protexer a clase traballadora”, sinala.

O secretario comarcal da CIG-Vigo aposta tamén por mellorar a coordinación entre os servizos sanitarios e os dispositivos públicos de prevención, así como por demandar a transferencia de recursos e competencias en materia de Inspección de Traballo. “ Mentres isto non se fai efectivo hai que reclamar un reforzo substancial no número de inspectores/as”.

Tamén entende fundamental reactivar e potenciar o protocolo marco de actuación estabelecido coa Fiscalía galega especializada en materia de prevención de riscos laborais e elaborar un Plan Galego de Seguridade e Acción Preventiva e poñer en marcha unha Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2022-2027.

“E temos que insistir tamén na necesidade urxente de derogar a actual lexislación imposta polo PP que outorga atribucións e competencias delegadas ás Mutuas (entidades privadas) en materia de control da xestión pública da incapacidade temporal (IT), que fai prevalecer os intereses económicos das empresas sobre a saúde do seu persoal”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad