Sabela Landín 21/09/2022

O Teatro Municipal de Tui acolleu hoxe a presentación pública da Estratexia e Plan de acción 2030 da Eurocidade Tui-Valença. O evento estivo presidido polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e polo presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira.

Coa presentación de hoxe conclúe o proceso de elaboración da Estratexia 2030 para a Eurocidade Tui-Valença liderada polo Concello de Tui e a Câmara Municipal de Valença no marco do proxecto europeo Unicidade, aprobado con cargo ao programa de cooperación Interreg VAI España–Portugal 2014-2020 e co­financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Esta Estratexia supón un fi­to destacado para a Eurocidade que, tras a súa constitución no 2012, aspira agora a reforzar a cooperación e o crecemento sostible nos próximos anos, profundando nas relacións institucionais que existen desde hai máis dunha década entre ambos municipios. Impúlsase así un modelo de cidade transfronteiriza, integradora, sostible, atractiva e dinámica, cunha estrutura de gobernanza e xestión propia, que optimiza os seus recursos a través do uso compartido de servizos e equipamentos municipais, mellora a calidade de vida da súa poboación, saca proveito dos seus valores patrimoniais e minimiza o efecto fronteira para a consolidación dunha identidade común europea

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientou a singulariedade deste territorio no que a poboación interactúa diariamente en todos os ámbitos e facetas da vida.  O que representa “unha enorme riqueza e unha enorme oportunidade que todos e todas temos o deber de aproveitar”.  Nese senso lembro  que a Axenda Urbana de Tui, presentada hai uns días, “xa tivo coma premisa recoller a enorme influencia que Valença ten no noso día a día en Tui”.  Afirmou Enrique Cabaleiro que a Eurocidade “foi un primeiro paso para este territorio” e neste momento  Valença e Tui, polo que significaron historicamente  polo que significan temos que aspirar a dotarnos de máis órganos que nos permitan traballar de forma independente e seguir consolidando esta extraordinaria relación”.

Pola súa parte o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, indicou que  “a personalidade xurídica da Eurocidade, o carné do cidadá, e o estatuto de traballador transfronteirizo deben marcar a nosa axenda, así coma a mobilidade” con especial atención ao reforzo do transporte ferroviario.

Xosé Lago, coordiandor POCTEP da Xunta,  salientou coma “a Eurocidade Tui-Valença é un exemplo claro de colaboración a nivel institucional e cidadá” engadindo que “a auga que rega esta colaboración son os fondos europeos. Este proxecto Unicidade é o máis emblemático” Tamén afirmou Xosé Lago que a Estratexia da Eurocidade presentada hoxe “encaixa perfectamente na nova convocatoria do Interreg VI publicado o pasado dia 5 no BOE”.

A Estratexia consta dunha análise e diagnóstico territorial da Eurocidade, xunto cun marco estratéxico, de acción e de implementación para a súa materialización no horizonte 2030. A batería de accións propostas, clasi­cadas segundo o seu nivel de prioridade, distribúense en 6 áreas temáticas clave: gobernanza transfronteiriza e xestión conxunta de servizos transfronteirizos, desenvolvemento económico e innovación territorial, urbanismo e infraestruturas, medioambiente e enerxía, reto demográfi­co e benestar social, e dixitalización. Na web ofi­cial pode accederse a material divulgativo sobre a Estratexia, incluíndo un resumo executivo.

O respaldo cidadán á Eurocidade Tui-Valença quedou patente nos resultados da enquisa realizada, onde un 94% dos consultados considera que a cooperación transfronteiriza entre Tui e Valença debe ser reforzada nos próximos anos, ou onde un 80% considera que a cooperación é moi ou bastante relevante para o desenvolvemento socioeconómico do seu municipio.

Este mediodía neste workshop tamén se presentou a plataforma dixital de xestión de servizos compartidos e a páxina web oficial da Eurocidade Tui-Valença -www.eurocidadetuivalenca.eu- impulsada pola Câmara Municipal de Valença e o Concello de Tui, como un dos resultados do proxecto Unicidade. Pretende ser unha ferramenta que facilite o acceso dixital a equipamentos deportivos e culturais, a reserva e inscrición en eventos e a dispoñibilidade de información sobre a vida cotiá das dúas cidades.

Á presentación de hoxe asistiron diversos axentes públicos, privados e do terceiro sector que durante os últimos meses participaron na elaboración da Estratexia a través de entrevistas, grupos de traballo e unha enquisa cidadá que alcanzou a 650 residentes de Tui e Valença.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad