O PSOE critica o recorte en Educación para gastalo en festas xunto ao cese da Interventora Municipal
Un total de 60.000 € procedentes de partidas de Educación e axudas a familias foron empregados para financiar festexos
O venres producíase o cese da Interventora Municipal, cando se atopa de vacacións
O grupo municipal do PSdeG-PSOE O Porriño denuncia o recorte nas partidas de Educación e Axudas a Familias por parte do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, para adicalas a gastos en Festas, a través dunha transferencia de crédito de 60.000 €.
O voceiro socialista David Alonso Bargiela, denunciou o que considerou o “inicio dos recortes sociais do PP” no Porriño, pois “xa sabíamos que ao alcalde lle gusta a festa, pero recortar cartos aos nen@s, recortar cartos en educación ou para axudas ás familias é moi grave”.
O voceiro socialista afeou ao alcalde que practique unha política de “Sen orzamentos e a lo loco”, habida conta da gran cantidade de transferencias que está a facer para adicalas a gastos de dubidoso fin social mentres renuncia a ter un orzamento.
“Mentras o alcalde segue de festa, O Porriño perde proxectos fundamentais como o do vehículo autónomo ou varias convocatorias dos fondos Next Generation, vemos con fonda preocupación a xestión económica do Concello do Porriño”.
Asimesmo, o grupo socialista amosou a súa preocupación polo cese o venres da Interventora Municipal, segundo os socialistas “probablemente, pola súa labor fiscalizadora, como a que realizou cando informou desfavorablemente ao aumento do endebedamento que pretendía o alcalde do Porriño, cun préstamo de 9 millóns de euros que se tentou aprobar fai uns meses”.
Todas estas transferencias e recortes de Alejandro Lorenzo teñen mala pinta administrativamente e só amosan nerviosismo preelectoral. Temos un alcalde instalado no fotograma e na festa constante, cando a realidade é que a xestión do Concello está a empeorar gravemeente, como quedou claro coa mala xestión, da limpeza, a recollida de lixo, a incapacidade para aprobar orzamentos, etc… Temos un caos económico e administrativo no Concello”.
O voceiro socialista David Alonso Bargiela rematou a súa intervención indicando que solicitará a comparecencia do alcalde e a concelleira de Facenda no vindeiro Pleno, para que dé conta das razóns deste cese da Interventora e explique o por qué destas transferencias