A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, visitaron esta mañá os 5 CEIPs mosenses
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, visitaron esta mañá os 5 Colexios Públicos de Educación Infantil e Primaria de Mos, Atín-Cela, Pena de Francia, Mestre Valverde Mayo (Sanguiñeda), Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos) e Petelos, para supervisar os traballos de mantemento e optimización de posta a punto de cara ao inicio do curso o vindeiro xoves, día 8 de setembro. Os 5 CEIPs son obxecto de melloras das que se beneficiará a comunidade escolar neste novo curso 2022-2023. Melloras realizadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e polo propio Concello.
No CEIP Mestre Martínez Alonso as melloras realizadas son acometidas pola administración local na súa integridade e consisten no pintado de barandillas, reparación de elementos do parque e reparación dos estores das fiestras en distintas aulas.
Pola súa banda, no CEIP de Petelos, a Xunta de Galicia fai un investimento de 215. 349,73 euros (IVE incluído) na susbstitución de toda a carpintería de aluminio (portas e fiestras) do centro e a ampliación do porche de entrada do alumnado de Educación Infantil. E o Concello asume a colocación de céspede artificial na devandita ampliación do porche e, no parque infantil, reparación de elementos existentes e instalación dun novo elemento de xogo.
No Colexio de Atín-Cela o Concello de Mos encargouse do remate do almacén anexo e nestes días colocarase tarima na biblioteca do centro. Ademais asume tamén a mellora do parque con adecuación do solo e instalación de novos elementos. E inviste 1.200 euros na posta a punto da instalación eléctrica da aula de informática.
Tamén no CEIP de Atín – Cela, a Xunta acomete a última fase da mellora integral do centro, co remate da renovación da carpintería de aluminio nas zonas que quedaban pendentes de substituír e substitución tamén dos falsos teitos e luminarias nos espazos nos que aínda non se fixera. Ademais procedeuse ao derrubamento do anexo-almacén do edificio e reparación de fachada, solicitado pola dirección e a ANPA do centro, á execución dunha rampa de acceso para solventar o acceso polo devandito antigo anexo; e demolición e desamiantado de cubrición do patio interior, cuberto con perfil gran onda de fibrocemento, para a execución da nova cubrición do patio. Estas obras foron adxudicadas cun orzamento de 210.273,62 euros.
No CEIP Pena de Francia as melloras corren a cargo do Concello de Mos mediante a instalación en 5 aulas da tarima adquirida polo propio centro educativo, a substitución do caucho no firme do parque infantil exterior por céspede artificial e reparación dos elementos de xogo; e a semana que vén incorporaranse novos elementos.
Por último, no Colexio Mestre Valverde Mayo de Sanguiñeda realizáronse, por parte da Xunta de Galicia, tres obras que pretenden dotar ao centro dunha maior eficiencia enerxética, tales como, execución de cambio e renovación de todas as luminarias e falsos teitos, e construción dun almacén de 60 metros cadrados para material escolar, cun orzamento de 92.351,6 euros.
E por parte do Concello investíronse 2.000 euros na posta a punto da caldeira e na instalación dun novo ‘telefonillo’, reparáronse os elementos do parque e realizarase a próxima instación dun novo elemento, e colocarase tamén céspede artificial no solo exterior de toda a fachada dianteira do edificio.
O Concello de Mos investiu máis de 30.000 euros tan só na mellora dos parques destes 5 colexios mosenses.