Airiños do Castelo, Caldo y Os Rabizos e Faíscas da Pontraga abren a programación musical na noite do venres
O sábado haberá sesión vermú con Pakolas e Abril e pola noite, concertos da banda de gaitas de Herville, Caamaño&Ameixeiras, Xurxo Fernandes e Ailá.
Mos, 1 de setembro de 2022. A organización do Festival Intercéltico O Son do Pazo xa ten todo preparado para o inicio da sétima edición do evento, que este ano recupera o seu formato habitual tralas restricións impostas pola pandemia en 2021. O acceso ao recinto será libre e gratuíto co fin de facilitar o acceso do público á música de artistas e bandas de referencia da escena folk e tradicional. A banda de gaitas anfitrioa, Airiños do Castelo, será a encargada de abrir os concertos na noite do venres, na que se subirán tamén ao escenario principal o grupo Faíscas da Pontraga e Caldo y Os Rabizos, unha banda procedente do occidente asturiano que traerá a Mos o repertorio tradicional das terras do Eo-Navia.
O espírito festivo e a boa calidade musical son elementos definitorios da programación do festival, que contempla opcións para todas as idades. O sábado, Pakolas e Abril terán o encargo de amenizar a sesión vermú e durante a tarde Charangaitos levarán a música ás rúas da contorna do Pazo de Mos. O obradoiro de baile tradicional impartido por Xabier Iglesias a partir das 18:30 horas, servirá de aperitivo para os concertos da noite, que correrán a cargo da Banda de Gaitas de Herville, Caamaño&Ameixeiras, Xurxo Fernandes e Ailá. O escenario do festival acollerá tamén a entrega dos Premios Mestre Machiño, que cada ano recoñecen o labor dalgunha persoa e institución ligada á música e o baile tradicional. Nesta ocasión, o galardón recaerá na asociación compostelá Cantigas e Agarimos, que cumpre un século de vida en 2022.
Carpa e comida
Igual que en edicións anteriores, o festival contará cunha gran carpa para garantir a celebración dos concertos e o resto de actividades incluídas na programación en caso de que a meteoroloxía sexa desfavorable. O público terá, ademais, a oportunidade de comer no propio recinto durante a xornada do sábado, xa que a organización ofrecerá distintas opcións para o xantar e a cea. Haberá polbo -só a mediodía- e churrasco, aparte de chouripán, pizzas e empanadillas con alternativas veganas. O evento, organizado polo Círculo Cultural Santa Eulalia de Mos, conta coa colaboración, a nivel institucional, da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos, así como da Fundación Pazo de Mos e a Comunidade de Montes da parroquia.
Programación completa
Venres 2 de setembro
CONCERTOS – 22:00H
· Banda de gaitas Airiños do Castelo
· Caldo y Os rabizos
· Faiscas da Pontraga
Sábado 3 de setembro
SESIÓN VERMÚ – 12:00H
· Pakolas
· Abril
ANIMACIÓN DE RÚA – 16:30H
· Charangaitos
OBRADOIRO DE BAILE – 18:30H
· Xabier Iglesias
CONCERTOS – 20:30H
· Banda de Gaitas de Herville
· Caamaño&Ameixeiras
· Xurxo Fernandes
· Ailá
Máis información:Marcos Pata Lago
Tel. 604 02 28 42