Cabaleiro anunciou que intervirán en 2.388 m2 para protexer e revalorizar a carballeira e o conxunto patrimonial da contorna da capela
O goberno de Tui informou da solicitude á Rede ÁGORA, da Deputación de Pontevedra, o seu respaldo para a execución do proxecto de acondicionamento da contorna da capela do Anxo, en Pazos de Reis.
O proxecto establecerá claramente a prioridade peonil ao tempo que completará a posta en valor dun espazo que xa o ten no centro do ámbito, pero non no perímetro, o que mellorará a calidade xeral tanto dende o punto de vista arquitectónico como ambiental.
O alcalde Enrique Cabaleiro explica que o ámbito de actuación afecta aos viais que rodean a contorna da igrexa e a carballeira anexa que conforma o campo da festa con dous palcos da música xemelgos. Todos estes elementos patrimoniais, xunto coa fonte anexa, forman un conxunto patrimonial e etnográfico de valor destacado como paisaxe galega rural de calidade que o goberno de Tui quere potenciar.
Os espazos proxectados estarán deseñados de xeito que garantan a accesibilidade universal e devolvan o uso principal do espazo público aos peóns, doten de espazos seguros e amables de estancia aos maiores e faciliten o seu uso por nenos e nenas de xeito autónomo. Ademais das melloras na mobilidade e seguridade, esta intervención suporá un incremento notable da superficie peonil que pasa de 228m2 a 838m2, cun incremento de 610 m2.
Entre os obxectivos do proxecto están a recuperación para o peón da parte norte do ámbito completa, dividíndose a parte sur nun ámbito de prioridade peonil en plataforma compartida na zona máis próxima á igrexa e máis estreita, mantendo o resto deste vial para tráfico con restrición de velocidade.
As actuacións, aínda que non afectan directamente a estas, inclúen tamén a conexión axeitada entre as dúas zonas verdes situadas a ambos lados da igrexa, a maior onde se sitúan os palcos da música e a máis pequena onde se sitúa a fonte.
Proxéctase a substitución do firme, a dotación de mobiliario urbano e iluminación, entre outros traballos a executar. As actuacións, como se indicaba, non afectan á carballeira existente, se ben se tratará de potenciar o seu valor como elemento singular, de gran calidade ambiental e que contribúe ao control da temperatura ambiental e evita o efecto “Illa de calor”.
O goberno de Tui avanza no cumprimento dos compromisos adquiridos non só coa Rede ÁGORA, tamén no Pacto das Alcaldías, e vai dando forma a unha cidade máis sostible tal e como esixe a Axenda Urbana Española, da que Tui é beneficiaria ao ser un dos 121 concellos seleccionados para redactar o seu plan de acción de crecemento.