O proxecto de recuperación foi remitido ao Ministerio para optar ao Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, reuniuse co arquitecto César Portela e coa arquitecta Ana Couto para impulsar o proxecto de recuperación do Teatro Principal. O equipo de César Portela actualizou o anteproxecto existente que opta ás axudas directas do PIREP (Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos).
O concello de Tui vén de presentar o proxecto de recuperación do Teatro Principal e este programa do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana que ten como obxectivo a rehabilitación sostible do parque público institucional de titularidade e uso público.
O PIREP contribúe á consecución dos obxectivos xerais da Política Palanca 1 “Agenda urbana y rural, lucha contra la despoblación y desarrollo de la agricultura” e, concretamente ao investimento 5, da Componente 2 do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, denominada “Implementación de la Agenda Urbana Española: Plan de Rehabilitación y Regeneración Urbana”.
O proxecto do equipo de César Portela contempla unha actuación integral e responderá a criterios de sostibilidade, inclusión e calidade estética previstos pola Nova Bauhaus Europea e recollidos no PIREP e sempre baixo os parámetros permitidos por Patrimonio.
O goberno de Tui da así unha nova oportunidade a unha demanda histórica da cidadanía de Tui que, dende os anos 80 cando se redactaba a primeira proposta de reforma, agarda o respaldo e apoio das administracións para recobrar o seu esplendor.
«A recuperación do teatro opta aos fondos do PIREP e ao apoio de máis administracións coas que precisaremos traballar para acadar o total do financiamento. A recuperación do Teatro Principal suporá un impulso para a zona vella e sumarase ás medidas que contemplará a Axenda Urbana para a dinamización do centro histórico”, sinalou o alcalde, Enrique Cabaleiro.