Os cartéis finalistas foron os de Valeria Lage Fernández do CPR Santo Tomás (1º), Rubén Rodríguez Rodríguez do CEIP Xosé Fernández López (2º) e Saray Rodríguez Pérez de Aceesca (3º) que serán tamén os pregoeiros
O Concello do Porriño, a través a concellería de Educación deu a coñecer, o pasado venres, o cartel oficial do Entroido 2022.
De entre os centros de ensino de primaria, secundaria e educación especial da vila, presentáronse preto de 200 ilustracións creadas con distintas técnicas como acuarela, ceras, carbón ou colaxes plasmadas en papel ou cartulina.
O xurado do I Concurso Escolar de Carteis do Entroido composto polo alcalde, Alejandro Lorenzo, máis as pintoras locais Chelo Rodríguez e Nuria Vilanova, tiveron unha gran responsabilidade xa que “non foi doado elexir entre tantas propostas de calidade, cada cal era máis orixinal e bonita. Os nosos pequen@s dérono todo e podo decir que no Porriño temos unha boa canteira de talento” manifestaba o alcalde.
Os compoñentes do xurado, acompañados pola concelleira de Educación, Carolina González, acudiron persoalmente ao CPR Santo Tomás para comunicarlle a decisión á gañadora; trátase da alumna de 1º da ESO, Valeria Lage Fernández, que recibíu a nova emocionada cos aplausos dos seus compañeir@s e directora.
Deste xeito, amáis de ser o seu deseño o elixido para o cartel oficial do Entroido porriñés, será pregoeira xunto cos 2º e 3º clasificados, Rubén Rodríguez Rodríguez –5º B do CEIP Xosé Fernández López- e Saray Rodríguez Pérez –Aceesca-, respectivamente.
Dada a dificultade da decisión do xurado na elección, ampliáronse os finalistas a cinco, resultando cuarta clasificada, Carlota Rodríguez Miranda -1º ESO do CPR Santo Tomás-; e quinta, Laura Pampillón Teijeira -3º ESO do IES Ribeira do Louro-.
Os cinco finalistas, recibirán un lote de material escolar na entrega de premios que será o vindeiro xoves 17 de febreiro, no Centro Cultural Municipal, coincidindo coa inauguración da exposición na que se amosarán todos os carteis participantes.