Sthela Táboas 11/02/2022

Critican deste xeito o Pasarrúas da Tuna programado polo Concello do Porriño con motivo do Día de San Valentín

A agrupación porriñesa do BNG considera que “a Concellaría de Cultura vén de facer unha apoloxía ao amor romántico coa celebración do Día de San Valentín, a través do espectáculo de Pasarrúas da Tuna. Este xeito de representar o amor establece crenzas e imaxes idealizadas que dificultan establecer relacións de parella sans, e perpetúan unha idea de relación baseada na desigualdade entre muller e home que, nas máis das veces, remata en violencia machista”.

A oposición nacionalista subliña que “a través de espectáculos como o da tuna, normalízase dun xeito popular e ‘divertido’, un modelo de relacións afectivas onde o control, os celos e os sacrificios extremos se consolidan”.

Sobre os contidos das pezas musicais, o BNG manifesta que “detrás das letras das tunas ao igual que nas das cancións de Kaydy Cain ou que en moitos contos e películas románticas, agóchanse abusos e expresións de odio que non se cuestionan, e que dificultan que as mulleres poidamos responder de forma temperá aos sinais dunha relación violenta”.

Desde o BNG do Porriño creen que “a Administración non pode impulsar os mitos nos que se sustenta a celebración do Día dos namorados, é a súa obriga favorecer iniciativas focalizadas en potenciar relacións sans. Esta proposta supón un paso atrás no traballo a prol da igualdade que, desde o Concello do Porriño se estivo a facer nos últimos dous anos co BNG no goberno”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad