Sthela Táboas 11/02/2022

A primeira xornada estará impartida pola fisioterapeuta Vanesa Gómez este venres ás 18.30 h, está dirixida tanto a familias como a profesionais e abordará o desenvolvemento motor na primeira infancia

Este venres 11 ás 18.30 h, o Centro Cultural do Porriño acolle a primeira  das xornadas “Acompañando na aventura de crecer”, organizadas desde a Concellería de Cultura do Porriño, a través da Biblioteca Municipal.

Estas xornadas desenvolveranse ao longo dos meses de febreiro, marzo, abril, maio e xuño; o segundo venres de cada mes abordarase, desde diferentes puntos de vista, como podemos favorecer o correcto desenvolvemento d@s nos@s fill@s desde que nacen e na súa primeira etapa infantil, para favorecer unha vida adulta máis saudable e enriquecedora.

Desde diferentes perspectivas profesionais, trataranse varios temas de suma importancia para o desenvolvemento infantil, que funcionan como termómetros para avalialo: a linguaxe, a psicomotricidade, as emocións ou a visión, entre outros. 

Deste xeito, a xornada deste venres é a quenda da fisioterapeuta Vanesa Gómez Gándara baixo o título “Entende como crece”. O contido da charla será o desenvolvemento motor na primeira infancia, falarase sobre os principais fitos de cada etapa e explicarase como acompañar ás crianzas en cada momento, así como algunhas claves para detectar calquera disfunción de maneira precoz.

Vanessa é especialista en pediatría, con formación en fisioterapia respiratoria, desenvolvemento motor, problemas dixestivos e terapia manual. Imparte talleres de formación para familias, en colaboración coas matronas nos talleres prenatais e postnatais. Na súa imparable curiosidade por aprender, actualmente traballa na formación “Método B-B”, unha disciplina integradora no tratamento coas crianzas. Ademais, organiza charlas sobre masaxes infantís e é asesora de lactancia e porteo, entre outras.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad